publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A localidade de Vilamarín contará cun novo espazo activo de emprendemento comercial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilamarín
A-
A+

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, visitou esta mañá en Vilamarín as obras para poñer en marcha un novo Espazo activo de emprendemento comercial na localidade, unha actuación que conta cun apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria de preto de 70.000 euros.

O apoio a esta iniciativa enmárcase no programa de impulso aos Espazos activos de emprendemento comercial no rural, co que a Xunta busca contribuír á creación de emprego e a fixación de poboación no rural galego, ao tempo que se aposta polo equilibrio da oferta comercial nas zonas menos poboadas. En total, a Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu apoios por preto dun total de 550.000 euros a 11 concellos galegos de menos de 20.000 habitantes para habilitar áreas nas que os emprendedores poidan exercer a súa actividade comercial. No caso de Vilamarín, a actuación permitirá habilitar locais no edificio da escola infantil que se destinarán principalmente á venda de produtos locais.

O programa de Espazos activos de emprendemento comercial no rural prioriza as iniciativas que se desenvolven nos municipios máis pequenos, así como aquelas que incorporan máis espazos para a comercialización de produtos locais. Ademais, primáronse os proxectos que incorporan un maior número de puntos de venda, a adopción de medidas de Responsabilidade Social Empresarial, a utilización das novas tecnoloxías ou a supresión de barreiras arquitectónicas, ademais da incorporación de enerxías alternativas ou a reciclaxe ou eliminación de residuos.

Os concellos que poñen en marcha un Espazo Activo deben desenvolver ademais actuacións de difusión, asesoramento e formación dirixidas ás persoas interesadas na iniciativa, contemplando aspectos como o aumento da rendibilidade do posto de venda con técnicas de “visual merchandising”, a colocación do produto e a atención ao cliente.

A iniciativa enmárcase no Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, que se articula en torno a tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

10 de outubro de 2016 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.