publicidade hoxe

Vilagarcía incrementa a suma das axudas municipais para escolares de infantil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Concello de Vilagarcía incrementa este ano os fondos destinados ás axudas municipais para a escolarización en Educación Infantil. A partida pasa de 8.000 a 9.000 euros e tamén se eleva a 60 euros suma a conceder no primeiro ciclo (para nenos de 0 a 3 anos). A Xunta Local de Goberno aprobou esta semana as novas bases, que xa foron remitidas á Deputación para a preceptiva publicación no boletín oficial. O prazo de solicitude abrirase a partir desa publicación.

A partida inicial que se dispuxo o ano pasado para as axudas municipais no tramo de Educación Infantil foi de 8.000 euros. Dado que o número de solicitudes presentadas superaba a consignación prevista, o goberno local decidiu ampliar os fondos e concedéronse as axudas a todas as familias que reunían os requisitos recollidos nas bases. En vista desa demanda, este ano elévase a partida a 9.000 euros, con posibilidade de ampliación se aínda así se quedase curta. A medida finánciase entre dúas concellerías, a de Benestar Social polo que corresponde ao primeiro ciclo, e a de Educación polo tramo do segundo. Cada un dos departamentos achega 4.500 euros dos seus respectivos orzamentos.

A diferenza do pasado ano, este curso unifícanse as cantidades para os dous ciclos, de feito que tanto os nenos de 0 a 3 anos, aos que se lles daban 40 euros, como os de 3 a 6, recibirán 60 euros.

Aínda que a escolarización non é obrigatoria na eta Infantil, o goberno socialista considera esta unha medida imprescindible para un mellor desenvolvemento do neno tanto a nivel educativo como social e persoal, ademais de ser unha medida necesaria en moitos casos para a conciliación laboral.

O Concello informará a través da súa web e dos medios de comunicación da apertura do prazo de presentación de solicitudes.

1 de setembro de 2016 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.