publicidade hoxe

Raquel Arias reúnese con alumnos e persoal do obradoiro de emprego de Antas de Ulla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAntas de Ulla
A-
A+
Raquel Arias na visita ao obradoiro de emprego Ulla-MIño IV

Raquel Arias na visita ao obradoiro de emprego Ulla-MIño IV

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, mantivo unha xuntanza cos alumnos e o persoal docente do obradoiro de emprego “Ulla-Miño IV” que financia a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e que se está a desenvolver na Comarca da Ulloa, e no concello de Taboada.

Na visita, Arias estivo acompañada polo alcalde de Antas, Javier Varela, concello promotor do obradoiro, e tamén polos rexedores dos municipios asociados, Palas de Rei, Taboada e Monterroso.

O obradoiro, ao que a administración autonómica destina un orzamento de 179.134 euros, conta con 20 alumnos-traballadores que se están a formar nas especialidades de fábricas de albanelería e instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. En concreto son 10 os alumnos da primeira especialidade (5 en Antas de Ulla e 5 en Monterroso); e 10 os da segunda (5 alumnos-traballadores en Palas de Rei e 5 en Taboada).

O taller, que comezou o pasado 1 de agosto, ten unha duración de 6 meses, durante os cales os alumnos-traballadores realizarán obras de mellora nos catro concellos asociados.

Así, en Antas de Ulla acondicionarán o local social de Peibás, rehabilitarán a edificación tradicional en Santa Mariña para destinala a local social (na segunda fase), e procederán ao axardinamento da Finca de Vilane e da Finca de Frádegas.

No concello de Monterroso as actuacións consisten no acondicionamento da pranta baixa do Antigo Centro de saúde para oficinas municipais e o axardinamento do cemiterio municipal.

En Palas de Rei e Taboada realizarán traballos de mantemento e posta en valor de diversas zonas verdes. Neste último, tamén mellorarán os accesos peonís e o peche perimetral da Área recreativa de A Medela.

Son polo tanto, actuacións centradas na realización de obras e na prestación de servizos de interese xeral, de maneira que os veciños destes municipios serán tamén beneficiarios da iniciativa.

Na provincia de Lugo, a Xunta financia 19 obradoiros de emprego en 51 concellos, aos que destina 3,2 millóns de euros dos que se poden beneficiar 600 persoas. Son talleres mixtos que combinan formación e emprego e que teñen como obxectivo mellorar a aprendizaxe, a cualificación e a adquisición de experiencia profesional dos traballadores-alumnos beneficiarios, permitíndolles adquirir e ampliar coñecementos nunha especialidade profesional coa que mellorarán o currículo, realizando un traballo remunerado. De xeito que ao rematar os obradoiros, a experiencia formativa e laboral seralles acreditada cun certificado de profesionalidade.

Ademáis a Consellería de Economía, Emprego e Industria, introduce este ano os programas integrados de emprego, plans formativos integrais que impulsan a proactividade na búsqueda de traballo e as posibilidades de autoemprego, para as que Xunta destina na provincia 350.000 euros.

16 de agosto de 2016 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.