publicidade hoxe

As voces de Rosa Cedrón e Paco Lodeiro únense á música da Banda de Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O último fin de semana das Festas Patronais de San Roque chega con moita potencia e diversión para todos os públicos e para todos os gustos. A troula que acollerán as rúas de Vilagarcía durante toda a xornada rematará pola noite no parque da Xunqueira co concerto que ofrecerá a Banda de Música de Vilagarcía coas voces de Rosa Cedrón, Paco Lodeiro e Miguel ladrón de Guevara. A festa espállase a Vilaxoán onde tamén mañá arranca o Festival das Revenidas con actividades abertas para todos os públicos, gastronomía e moitos concertos.

Á animación de rúa que haberá por todo centro da cidade en sesión matutina e de tarde noite a cargo dos pasacalles dos grupos de gaitas Os Trasnos e a Unión Piñeira, ambos de Guillán, súmanse tres caravanas emprazadas en diferentes puntos e que traen diversión, curiosidades, ciencia e moita diversión. O trailer do Repsol Racing Tour continuará un día máis na Praza da II República de 12 a 21 horas co seu circuíto inchable no que os máis pequenos poderán disputar competicións en motos de xoguete, ademais de admirar vehículos, equipos e diferentes utensilios dos equipos de motor cos que conta Repsol. Entre as pezas máis destacables atópanse a moto coa que Marc Márquez gañou o seu primeiro Mundial en MotoGP e un mono de competición de Dani Pedrosa.

Na zona da Alameda estacionará o trailer da campaña “Vivamos como Galegos” de Gadis para contaxiar o seu optimismo, desta volva baixo o lema “Presumamos como galegos”. O tráiler estará acompañado de inchables para nenos, a Carpa Gadis con reparto de merchandising, como os seus coñecidos “pencebes”, a Caixiña (con cine para os máis pequenos) e a presenza do can de palleiro “Allo”, co que rapaces e maiores poderán facerse unha fotografía. As actividades desenvolveranse en horario de 12 a 14 e de 17 a 21 horas.

A última das caravanas ten un contido máis científico. Trátase do Energy Truck, o Museo Itinerante da Fundación Gas Natural Galicia que se poderá visitar na explanada de Fexdega en horario de 12 a 20 horas. Este trailer acolle unha interesante mostra que pretende achegar á poboación en xeral os coñecementos relacionados coa enerxía, o medio ambiente e o patrimonio industrial dunha forma amena e interactiva e con actividades didácticas conducidas por educadores especializados.

REVENIDAS16, o festival das linguas, conta con dous escenarios nun recinto pechado para os concertos de pago: o Escenario Mahou e o Escenario Rías Baixas. Ademais o festival ofrece un amplo espazo de acceso libre no entorno do porto, ao redor co edificio da praza de Abastos e no parque de dona Concha, onde terán lugar as actividades de balde e para todos os públicos. O recinto pechado para os concertos de pago abrirá as portas a partir das 19 horas. Os concertos comezarán a partir das 20 h.

De 16h. a 20 h. Parque de dona Concha
Recuncho Dub
O colectivo formado en Ourense no ano 2013 e integrado por cinco selectores (Max, Joni, Pablo, Damian e Toni) cunha paixón común, a cultura sound system, sesións cheas de vinilos de roots, reggae, dub e steppa.

A partir das 18 h. Parque de dona Concha
Apertura da Feira Revenida
O talento, a creatividade, a innovación, as figuras emerxentes no mundo das artes, moda, cultura, e ademais obradoiros, espazo de xogos populares e dos produtos culturais.

20:50 h. Escenario Turismo Rías Baixas
Brinkadelia Troupe
Desde terras galegas e para toda a galaxia. A súa interesante e intensa proposta combina altas doses de ska, reggae, cumbia, latin, funk, sambareggae e rock.

20:00 h. Escenario Mahou
Poetarras
Colectivo arterrorístico de Manuel Gago, Rubén Lino e Daniel Vilaverde cuxo obxectivo principal é ofender a SOMEBODY en SOMEWHERE por SOMETHING a través de sketchs.

22:00 h. Escenario Mahou
Gabriel o Pensador
Rap con humor e denuncia social, rock, pop, hip hop, reggae con referencias constantes á música e ritmos do Brasil.

23:40 h. Escenario Turismo Rías Baixas
Malandrómeda
Duo santiagués formado polos xenuínos Hevi e O Master do Son. A vangarda musical galega.

00: 45 h. Escenario Mahou
Juantxo Skalari & La Rude Band
ruña ten nome propio na historia do ska estatal. E boa parte da culpa a teñen dous irmáns, Peio e Juantxo. Dende os noventa forman parte do lendario grupo SkalariaK, que con 7 traballos editados e aínda en activo constitúen unha das destacadas bandas que skandalizan nos seus directos por todo o estado.

02: 00 h. Escenario Turismo Rías Baixas
Itaca Band
Itaca Band. Grupo catalán creado no 2008 con cancións que abranguen o ska, reggae, música latina e punk.

03: 25 h. Escenario Mahou
Familia Caamagno
É unha das bandas galegas do momento. A súa presenza alén das nosas fronteiras vén sendo moi cotiá polo resto da Península Ibérica. R&R limpo e animado.

Escenario Turismo Rías Baixas
DJ Crebinsky
Un percorrido por estilos musicais que van do R&R ata os ritmos máis vibrantes e as fusións máis sorprendentes. Combinacións explosivas punk, cumbia, funk, latino…

18 de agosto de 2016 | 10:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.