publicidade hoxe

Medio Ambiente investirá 780.000 euros na mellora do saneamento e o urbanismo de Vedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVedra
A-
A+
Beatriz Mato na sinatura do convenio co Concello de Vedra

Beatriz Mato na sinatura do convenio co Concello de Vedra

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Vedra, Carlos Martínez, asinaron hoxe dous convenio de colaboración, cunha dotación global entre ámbolos dous de 780.000 euros, que permitirán mellorar o saneamento e o urbanismo do concello.

Así, en materia de augas, a titular do departamento autonómico explicou que os traballos centraranse en ampliar e mellorar as infraestruturas hidráulicas desta localidade. Para iso, vaise executar a segunda fase do saneamento e depuración nas parroquias de Mamede e Santa Cruz. En total, o orzamento destinado pola Consellería a esta actuación ascende a 700.000 euros.

Este esforzo súmase aos 435.000 euros que a Consellería xa ten destinado á primeira fase de saneamento, que consistiu na construción dunha EDAR e as primeiras conexións á mesma. “Na segunda fase imos conseguir que esta nova rede de saneamento chegue a un maior número de poboación da parroquia”, resaltou Mato, quen fixo fincapé en que “o investimento completo da rede de saneamento vai superar os 1,1 millóns de euros”.

Grazas a esta iniciativa, avánzase un paso máis na mellora do saneamento do concello. Nesta liña, desde 2009 -e tendo en conta este convenio- a Consellería ten investido un total de máis de 1,7 millóns de euros neste concello. “Isto supón un paso máis no noso firme compromiso a prol do abastecemento e o saneamento para todos os galegos e galegas”, explicou a conselleira.

Colaboración en materia de urbanismo

No que respecta ao convenio en materia de urbanismo, o proxecto consistirá no acondicionamento do espazo público no entorno da estación de ferrocarril de Santa Cruz de Ribadulla. En concreto, esta actuación contará cun investimento de preto de 80.000 euros.

Este convenio, que se enmarca no Plan Hurbe, é a segunda actuación que se executa en Vedra no marco deste Plan, tras a rehabilitación da Casa da Cultura de San Mamede de Ribadulla, na que a Consellería investiu case 40.000 euros.

Durante a súa visita ao concello, Mato precisou que, ao abeiro do Plan Hurbe, téñense executado 105 actuacións en toda Galicia, cun investimento total de 112 millóns de euros. Para este ano, o investimento para toda a Comunidade ascende a uns 11 millóns de euros: 6 millóns previstos nos orzamentos, máis unha ampliación de 5 millóns grazas ao orzamento recibido polo cumprimento da comunidade autónoma co déficit.

26 de xullo de 2016 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.