publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Francisco Conde destaca a San Cibrao como “o corazón tecnolóxico e industrial de Ourense”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseSan Cibrao das Viñas
A-
A+
Francisco Conde na reunión mantida en Tecnópole

Francisco Conde na reunión mantida en Tecnópole

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, resaltou hoxe a cultura innovadora das empresas ourensás, e apuntou como exemplo desa convicción a participación das compañías de San Cibrao das Viñas, e especialmente de Tecnópole, nos programas da Xunta, mobilizando 46 millóns en proxectos de I+D+i desde o ano 2009 en iniciativas como as Unidades Mixtas de Investigación, Innterconecta ou o programa Conecta Pemes.

“Falamos dun polígono que, con 91 empresas, é o corazón industrial e tecnolóxico de Ourense, e un dos principais abandeirados da innovación galega”, dixo Conde, que mantivo unha reunión de traballo con empresarios da zona, durante a que trasladou ás compañías as ferramentas do Goberno galego de apoio ao investimento e ao emprego, e avaliou as melloras que os empresarios creen necesarias para que o polígono gañe en competitividade e xere emprego.

O encontro estivo centrado precisamente no pulo á innovación, que Conde resaltou como o santo e sinal do polígono. “Hoxe é un dos principais ecosistemas innovadores de Galicia en eidos como a automoción, a aeronáutica, a alimentación ou a biotecnoloxía, e para consolidar esa posición a Xunta está a poñer distintas ferramentas ao alcance dos empresarios”, apuntou. Neste senso, Conde referiuse a iniciativas como as Unidades Mixtas de Investigación, da que a Xunta vén de facer unha nova convocatoria para acadar as 25 unidades por toda Galicia, mobilizando 87 millóns.

Precisamente Tecnópole aloxa a maior destas Unidades, a que constitúen o Centro Tecnolóxico da Carne e Coren para impulsar sete proxectos de I+D+i por un importe de máis de 24 millóns de euros, en eidos como os alimentos funcionais ou o aproveitamento dos residuos animais. Ademais, Conde destacou o impacto que terá en Tecnópole a Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2016-2020, que busca mobilizar 200 millóns ata 2020 para converter a Galicia nunha referencia europea do sector, consolidando unha traxectoria na que as empresas ourensás do eido bio, indicou Conde, son parte fundamental.

Tras a reunión, Conde achegouse a visitar o campamento de verán de Tecnópole, no que están a participar nenas, nenos e mozos e mozas de ata 18 anos. O campamento está a impulsar a cultura da innovación, a creatividade e os coñecementos tecnolóxicos entre os máis novos, a través de actividades de divulgación científica en eidos como a robótica, a comunicación, a creación de apps para móbiles ou a iniciación á biotecnoloxía.

12 de xullo de 2016 | 17:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.