publicidade hoxe

Ethel Vázquez celebra a incorporación de cinco concellos da Coruña ao Programa de Vivendas Baleiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaAbegondoArteixoBetanzosCambreLocal PortadaSada
A-
A+
Ethel Vázquez na sinatura do convenio cos concellos coruñeses. Foto: M. Fuentes

Ethel Vázquez na sinatura do convenio cos concellos coruñeses. Foto: M. Fuentes

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez Mourelle, celebrou hoxe a incorporación de cinco municipios da área metropolitana da Coruña ao Programa de Vivendas Baleiras da Xunta, o que permitirá destinar os inmobles desocupados das súas localidades a atender as familias con dificultades. A responsable de Vivenda do Goberno galego, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, asinou hoxe cos alcaldes de Abegondo, Arteixo, Cambre, Betanzos e Sada o acordo de adhesión destes municipios á iniciativa, coordinada coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Ethel Vázquez destacou a importancia deste acordo, xa que son as áreas metropolitanas das grandes cidades as que rexistran un maior número de problemas en relación coa vivenda, polo que convidou tamén ao Concello da Coruña a solicitar a adhesión ao Programa. “Estamos a falar de solucións reais a familias que teñen problemas reais en relación en materia de vivenda”, asegurou.

A titular de Vivenda, remarcou a necesidade de que os concellos “colaboren” coa Xunta para dar solución aos afectados por problemas deste tipo, e salientou que unha gran forma de facelo é incorporándose ao Programa de Vivendas Baleiras. Informou de que son xa 36 os municipios galegos que teñen solicitado a súa incorporación á iniciativa, asinada xa tamén polos municipios de Ourense e Redondela, e outros 19 pediron información sobre o seu funcionamento.

Vázquez Mourelle remarcou que o Programa de Vivendas Baleiras procura un “aproveitamento máis racional do parque de vivendas” da nosa Comunidade, xa que mobiliza os inmobles desocupados para poder destinalos a alugueiro social, ofrece garantías aos arrendatarios e achega solucións ás familias en risco de perder o seu fogar.

Así, explicou que ao asinar este convenio, os concellos se comprometen a mobilizar inmobles desocupados para destinalos a alugueiro social, fixando o programa un prezo máximo para a renda do alugueiro –entre os 250 euros no caso de Abegondo e os 300 noutros municipios-.

Para que o alugueiro resulte de interese para o arrendatario, a Xunta achega garantías a estas vivendas, a través dun seguro de multirrisco do fogar e outro de cobro que inclúe asistencia xurídica. E, por outra banda, o inquilino pode acceder en condicións vantaxosas a unha vivenda de forma compatible con outras axudas autonómicas, como o Bono de Alugueiro Social.

Polo tanto, sinalou Ethel Vázquez, con estes seguros que financia a Xunta, o propietario ve como o piso que cede en alugueiro para axudar ás familias está totalmente asegurado, evitando os frecuentes problemas derivados da dificultade de atopar propietarios dispostos a alugar vivendas a familias que xa foron desafiuzadas.

A titular de Vivenda da Xunta manifestou que o Goberno galego continuará traballando mentres unha sola familia estea en risco de perder o seu fogar, e por iso mesmo desde o ano 2012 puxo en marcha xa un conxunto de 12 medidas destinadas a protexer o dereito á vivenda e a loitar contra os desafiuzamentos e os seus efectos.

19 de xullo de 2016 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.