publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Preséntase o disco ‘Alá onde agroman as herbas’ co que Sofía Espiñeira gañou o II Certame de Canción de Autor en Galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTeo
A-
A+
Presentación do disco ‘Alá onde agroman as herbas’

Presentación do disco ‘Alá onde agroman as herbas’

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no concello coruñés de Teo na rolda de prensa de presentación do disco ‘Alá onde agroman as herbas’, co que Sofía Espiñeira se fixo co premio da segunda edición do Certame de Canción de Autor en Galego que convoca este concello -pertencente á Rede de Dinamización Lingüística- coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

García Gómez salientou a importancia deste certame, “que conxuga á perfección creatividade, lingua e mocidade, tres aspectos fundamentais para a dinamización da lingua galega, ademais de apostar pola música feita no noso idioma propio e polos artistas noveis que o promoven como ferramenta de creación artística”.

Participaron na presentación, amais do secretario xeral, a concelleira de Cultura, Pilar Faxil; o director artístico do proxecto, Xoán Curiel; e a gañadora desta segunda edición, Sofía Espiñeira.

Dinamizar o uso do idioma na mocidade

O Concello de Teo, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocou en xaneiro de 2015 este II Certame da Canción de Autor en Galego cos obxectivos de contribuír á normalización lingüística da lingua galega nun eido importante para a difusión do idioma, presentar unha mostra das creacións galegas de autoría propia e ofrecerlles aos/ás cantautoras oportunidades para se daren a coñecer e desenvolveren así a súa carreira artística.

A el puideron concorrer todas as persoas autoras e interpretes noveis de cancións, maiores de 15 anos e con temas musicais vocais inéditos e orixinais en lingua galega compostos en calquera estilo musical que, entroutros requisitos, cumprisen o de non ter ningún disco editado profesionalmente nin contrato ningún asinado cun selo discográfico a nivel individual.

Premio á mellor canción de autor/a en galego e accésits

Un xurado cualificado ditaminou o premio á mellor canción de autor/a en galego, que recaeu na mugardesa Sofía Espiñeira, consistente na gravación do proxecto ‘Onde agroman as herbas’, no pagamento da cota anual da Asociación Galega de Músicos ao Vivo (entidade colaboradora) e na organización e promoción dunha xira de presentación do proxecto en diferentes localidades de Galicia, que incluirá cinco concertos.

Pola súa banda, o público asistente á segunda fase de selección no Auditorio da Ramallosa, realizada en abril de 2015, outorgoulle o accésit á canción máis orixinal a Pilar Martínez e o de mellor artista, tamén, a Sofía Espiñeira.

14 de xuño de 2016 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.