publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Petón do Lobo pide explicacións polo sucedido con dous BIC na parroquia de Canduas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabana de Bergantiños
A-
A+

A asociación, entre cuxas competencias fundacionais está a protección do Patrimonio histórico-artístico, pide unha investigación sobre unha actuación urbanística municipal do Concello de Cabana de Bergantiños pola que se transformaron uns terreos coa presenza de dous hórreos inmemoriais protexidos por Lei nunha praza pública con aparcadoiro incluído.

O cartel da obra, financiada con fondos da Deputación Provincial da Coruña, sinala que a mesma consistiu en: “Adecuación de praza pública de Canduas (2ª fase) e implantación de hórreo en finca”. Con todo, un dos hórreos desapareceu do seu emprazamento orixinal e os seus restos quedaron amoreados sen orde nin control nunha leira privada da mesma parroquia nunha actuación aparentemente irregular.

Doutra banda o outro hórreo, presuntamente “implantado”, non se moveu un ápice da súa localización inicial polo que resulta moi difícil de xustificar, en boa medida, a subvención recibida polo organismo provincial para un feito que non tivo lugar.

Ante evidencias tan claras cabe preguntarse se pode considerarse “implantado” un ben patrimonial que non se moveu do sitio e desde cando está permitido o completo desarraigamento e abandono á súa sorte dun Ben de Interese Cultural como no caso do segundo hórreo. Ademais, no portal web da Dirección General de Catastro do Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas aínda figuran os dous hórreos nos terreos orixinais nos que se situaban e non a actual praza pública, polo que o Concello de Cabana de Bergantiños debería contar con urxencia cun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para adecuar a normativa á realidade física actual.

A LEXISLACIÓN É CLARA EN TODO O REFERENTE Á PROTECCIÓN DO PATRIMONIO

Petón do Lobo lembra que desde a década de 1970, o Decreto 449/1973, de 22 de febreiro, outorga o amparo estatal aos hórreos antigos existentes en Asturias ou Galicia cunha antigüidade non menor dun século, e con independencia do seu estado de conservación.

O texto legal lembra que estas construcións “prestan” aos ambientes rurais “unha peculiar fisionomía” e constitúen unha mostra característica “do tipismo e da arquitectura popular” en terras galegas e asturianas. Actualmente, a lei recoñece a estas construcións como Ben de Interese Cultural (BIC), que é unha figura xurídica de protección do patrimonio histórico-artístico, tanto moble como inmoble.

Fronte á realidade lexislativa, nin que dicir ten que a Deputación da Coruña debe analizar con máis detalle no futuro que tipo de actuacións e obras financia e/ou subvenciona, xa que a protección do patrimonio histórico-artístico é unha obriga por lei, un deber das Administracións públicas e un dereito da cidadanía.

14 de xuño de 2016 | 12:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.