publicidade hoxe

Suspéndese o xuízo contra o exalcalde do Porriño ao faltar dúas caixas con probas documentais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Porriño
A-
A+
Europa Press

O titular do Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra suspendeu este mércores o xuízo por un suposto delito de prevaricación continuada contra quen foi alcalde do Porriño (Pontevedra) co BNG, Raúl Francés, debido á falta de dúas caixas con probas documentais.

O xuíz ordenou que se remita un oficio ao Xulgado de Instrución número 1 do Porriño para que envíe as dúas caixas cos documentos que forman parte da instrución. O xuízo será de novo sinalado para unha data que quede libre no mes de maio.

Os feitos polos que se acusa a Raúl Francés tiveron lugar entre 2007 e 2010, no momento en que este era alcalde do Porriño co BNG. Francés deixou a alcaldía en xaneiro de 2010, obrigado por unha moción de censura apoiada por PP, Ciudadanos por Porriño e Independentes, e que facilitou a chegada ao poder de Nelson Santos (tamén investigado en varias causas xudiciais).

Raúl Francés volveu á escena política pública cando anunciou que concorrería, como independente, na lista do PSOE das pasadas municipais, encabezada por Eva García de la Torre. De feito, Francés foi concelleiro de Facenda, Emprego e Cultura ata que, en novembro de 2015, dimitiu ao coñecer que se lle abriría xuízo oral pola causa pola que será xulgado este mércores.

A vista oral chegou a iniciarse coa declaración do exalcalde, quen explicou que, debido a un “colapso no servizo de urbanismo”, se precisou unha asistencia técnica polo que “se procedeu á contratación dunha persoa” conforme á normativa”.

O rexedor reiterou, a preguntas do fiscal, que “sempre” fixo “as cousas tal e como lle indicaron os servizos técnicos”. Tamén sinalou que Contratación e Secretaría “se encargaron da redacción dos papeis necesarios que eu asinei”.

“PROBA IMPRESCINDIBLE”

Precisamente, no momento no que a Fiscalía quixo exhibir o contrato para que o acusado recoñecese a súa sinatura descubriuse que os documentos orixinais non estaban a disposición da Sala.

Unha proba “imprescindible”, segundo dixo o fiscal, que pide unha condena de 10 anos de inhabilitación para emprego e cargo público para o exalcalde ao que acusa de tres contratacións no concello, que considera ilegais.

O exrexedor concorreu nas pasadas eleccións como número dous na lista do PSdeG-PSOE. Precisamente a actual alcaldesa Eva García de la Torre acudiu ata os xulgados da Parda para acompañar a Raúl Francés, quen dimitiu en novembro tras o auto de apertura deste xuízo.

“ASESORADO POLOS TÉCNICOS”

O exalcalde non quixo facer declaracións, pero o seu avogado, Rodrigo Rodríguez Latorre, explicou aos medios de comunicación que Raúl Francés contratou “asesorado polos técnicos municipais”.

No caso da contratación da funcionaria do Servizo de Atención á Muller o letrado entende que “está excluído da fiscalización do concello porque é unha subvención da Xunta e a Unión Europea (UE), que serían as que teñen que fiscalizar”, polo que “carecen de validez” as advertencias do interventor municipal e os seus reparos ao abono das facturas.

Respecto á contratación dun avogado, entende a defensa do exalcalde que “hai uns defectos ou uns fallos xurídicos ou ben da secretaría ou ben de intervención” e finalmente, con relación ao enxeñeiro técnico do servizo de urbanismo, apuntou “o señor Francés non tivo intervención ningunha”.

FISCALÍA

Pola contra, a Fiscalía sostén que o acusado realizou estas contratacións e satisfixo as sucesivas facturas que lle foron presentadas tendo coñecemento que “non cabía a contratación directa” por non se tratar dun contrato menor.

“A conduta do señor Francés é transparente e perfectamente xustificada”, declarou o seu avogado, quen minimizou o impacto da condena que se lle impoña sexa “de tres ou nove anos”. “Dáme igual, porque a transcendencia é política e Raúl non creo que se vaia dedicar máis á política”, apuntou.

“Aquí non hai dano, non levou diñeiro, non cometeu nin unha fraude nin unha estafa, senón unha reiteración continuada” no pagamento dos salarios de tres técnicos, recordou o avogado do exalcalde.

O Ministerio Fiscal solicitou unha pena de 10 anos de inhabilitación para emprego ou cargo público para Raúl Francés.

6 de abril de 2016 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.