publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación de Pontevedra colaborará co Concello de Pontecesures na creación dun premio de xornalismo vinculado ao escritor Borobó

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontecesuresPontevedra
A-
A+

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, mantivo esta mañá unha xuntanza coa alcaldesa de Pontecesures, Cecilia Tarela, e a concelleira de Cultura, Maite Tocino, para establecer as liñas de colaboración entre o ente provincial e o Concello en relación ás actividades culturais de conmemoración do centenario do nacemento do escritor e xornalista Raimundo García, coñecido polo pseudónimo Borobó. Entre as actividades previstas as representantes do Concello de Pontecesures anunciaron a súa intención de crear un premio de xornalismo vinculado a este persoeiro. Unha proposta que o deputado de Cultura e Lingua considerou de especial interese atendendo “á relación de Borobó coa lingua e a cultura galega e, moi especialmente, coa súa actividade durante a guerra e o fomento do emprego do galego a través do xornalismo”.

Segundo explicou a alcaldesa de Pontecesures, a este premio poderán concorrer artigos publicados en galego durante os tres primeiros trimestres de 2016 e que estean vinculados á memoria histórica. Tamén se valorará que os artigos presentados teñan algunha relación con Pontecesures e a súa comarca. Neste sentido, Cecilia Tarela sinalou que este certame “é unha iniciativa necesaria para poñer en valor unha figura senlleira como Borobó, por todo o que significou para Pontecesures, e unha excelente oportunidade para promover e divulgar todo o seu traballo e compromiso a prol das liberdades”. Este premio contará cunha dotación económica que se fará pública no momento no que se presenten as bases.

Na xuntanza desta mañá Xosé Leal volveu lembrar que un dos criterios que merecen especial consideración nas publicacións promovidas polo Servizo de Publicacións da Deputación son, precisamente, as propostas relacionadas coa memoria histórica, polo que ofreceu a posibilidade de recoller nunha publicación específica unha selección dos artigos que se presenten ao premio.

Raimundo García Domínguez, coñecido polo pseudónimo Borobó, naceu en Pontecesures o 10 de xullo de 1916. Estudou Filosofía e Letras e durante a Guerra Civil defendeu a legalidade republicana, motivo polo que chegou a estar preso. Durante a súa extensa traxectoria xornalística destacou polo seu compromiso na difusión da cultura galega. Fundou a revista Chan, dirixiu publicacións coma El Correo Gallego e colaborou en La Vanguardia, ABC, Informaciones, Pueblo, El País, El Imparcial, El Sol ou La Tarde. Foi, ademais, biógrafo de figuras destacadas da cultura galega coma Ramón Otero Pedrayo ou Castelao.

4 de abril de 2016 | 17:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.