publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Feijóo preside a entrega de certificados de produto ás adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMeis
A-
A+
Feijóo no acto de entrega de certificados. Foto: A. Varela

Feijóo no acto de entrega de certificados. Foto: A. Varela

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a calidade como a clave que permitiu ao sector vitivinícola crecer en facturación e en exportacións. “Galicia está crecendo no sector do viño e cando un crece porque hai calidade no que se fai, este é o mellor piar para seguir crecendo nos próximos anos”, dixo.

Durante o acto de entrega de certificados de produto ás adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas, Feijóo asegurou que a calidade, sinónimo de confianza, de excelencia e de prestixio, permitiu ás cinco denominacións de orixe galegas facturar máis de 200 millóns de euros no ano 2015 (máis de 100 millóns só nas Rías Baixas); producir un 34% máis de viño ca na campaña 2008/2009; e que o peso relativo do viño que venden ao exterior as cinco denominacións de orixe crecese un 52% entre a campaña de 2008/2009 e a pasada.

Así mesmo, o titular da Xunta afirmou que as 167 adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas que reciben a certificación ISO/IEC 17065 son a proba palpable “de que o traballo se fixo ben”; “de que estes adegueiros do Val do Salnés, do Condado do Tea, do Rosal, de Soutomaior e da Ribeira do Ulla coidaron ata o mínimo detalle do seu traballo, desde o coidado da vide ata a fermentación, pasando pola recollida da uva e a combinación de variedades”.

Nesta mesma liña, Feijóo garantiu o compromiso do Goberno galego co sector e lembrou que “desde a Xunta se acompañou ao Consello Regulador Rías Baixas desde o momento no que, en 2010, elaborou o seu Manual de Calidade”.

“O Consello Regulador, as adegas, o Goberno autonómico e os membros do Grupo de Enxeñaría de Organización da Universidade de Vigo fixemos xuntos ese esforzo intelixente”, dixo, logo de referirse tamén ao incremento do orzamento destinado á innovación no mundo rural; as investigacións levadas a cabo desde centros coma a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia para profundar no estudo e caracterización xenética de especies e cepas de lévedo; e ao aumento das axudas aos consellos reguladores, “especialmente, a partida dedicada ao control de calidade, nun 50%”.

O presidente da Xunta incidiu en que este esforzo económico silencioso demostrou ser, co tempo, un sabio investimento a longo prazo, como proba o feito de que despois de 332 auditorías nas bodegas, da revisión dos viñedos de máis de 1.300 viticultores e da revisión de 1.800 rexistros, a Entidade Nacional de Acreditación concedeulle a este Consello Regulador Rías Baixas unha das primeiras certificacións ISO/IEC 17065 obtidas en España.

Logo de afirmar que calidade é hoxe sinónimo de Galicia, Feijóo concluíu a súa intervención lembrando que a marca Galicia Calidade suma xa 55 empresas e máis de 350 produtos certificados. “Ademais —abundou—, a Estratexia Galicia Calidade 2014-2016 está a levar o significado desta marca a outros ámbitos coma o da biomasa, o do granito e o do turismo”.

1 de marzo de 2016 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.