publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Xinzo de Limia, Verín, Muíños e Celanova acollerán os obradoiros públicos de elaboración das Directrices da Paisaxes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanovaMuíñosOurenseVerínXinzo de Limia
A-
A+

Os concellos de Xinzo de Limia, Verín, Muíños e Celanova acollerán mañá os obradoiros participativos que está promovendo a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio de cara á elaboración das Directrices da Paisaxe.

En concreto, o de Xinzo de Limia terá lugar ás 10,00 horas, na aula CeMIT da Casa da Xuventude. En Verín será as 11,00 horas, tamén na aula CeMIT da súa Casa da Xuventude. Pola súa banda, en Muíños será as 17,00 horas, na biblioteca; e, en Celanova, tamén á mesma hora da tarde e na aula CeMIT do parque das Triguerizas.

Estas actividades forman parte dos 50 talleres públicos que o departamento autonómico organizará en toda Galicia, un por cada unha das 50 comarcas paisaxísticas nas que se divide o noso territorio. Esta distribución pretende garantir unha maior equidade espacial no proceso de participación, facilitando á poboación de todos os ámbitos territoriais o acceso a este proceso dun xeito presencial.

Estes obradoiros complementaranse coa posta en marcha dunha plataforma web participativa a través da cal calquera persoa dende calquera lugar e en calquera momento poderá aportar a súa opinión e o seu coñecemento para o deseño das directrices da paisaxe galega. Esta plataforma está dispoñible na dirección https://sixot.es/Paisaxe.

Nos catro talleres que terán lugar mañá na provincia de Ourense, os participantes poderán expresar as súas aspiracións en canto aos obxectivos de calidade paisaxística, é dicir, as súas preferencias en canto ás características paisaxísticas da súa contorna, así como a súa opinión sobre as posibles medidas de protección, planificación e xestión da paisaxe.

Tamén traballarán coa plataforma web, a través da que os participantes -e calquera persoa dende a súa casa- poderán valorar os principais tipos de paisaxe da súa comarca paisaxística e elixir os tipos de paisaxe preferidos de cara á súa planificación futura. Así mesmo, a través desta web os usuarios poderán localizar puntos relevantes dende o punto de vista paisaxístico e asignarlles unha valoración, determinar os elementos que os compoñen e propoñer medidas de actuación para os mesmos.

Os participantes, tanto nestes obradoiros como nos restantes, comprenderán tanto axentes convidados polo seu coñecemento da área paisaxística ou a súa actividade vinculada á xestión da paisaxe, como calquera persoa que desexe asistir e se inscriba na dirección secretaria.iet@xunta.es ou chamando aos teléfonos 981541755/981541756.

As Directrices

Cabe destacar que a Consellería de Medio Ambiente xa seguiu un proceso de participación cidadá para a elaboración do Catálogo das Paisaxes de Galicia, que agora se atopa en proceso de exposición pública. Agora abre ese mesmo procedemento para a elaboración destas directrices, que xunto co Catálogo, conformarán o Atlas das Paisaxes de Galicia.

A Lei de Protección da Paisaxe da Galicia establece que as Directrices de Paisaxe deben recoller os obxectivos de calidade paisaxística, que “deben expresar as aspiracións da cidadanía en canto á valoración e o grado de compromiso da colectividade na protección das nosas paisaxes, polo que a determinación destes obxectivos farase mediante un proceso de participación pública”. O mesmo Convenio Europeo da Paisaxe afirma que, unha vez identificados e valorados os diferentes tipos de paisaxes (proceso xa realizado no Catálogo), deben definirse os obxectivos de calidade paisaxística para os mesmos, despois dunha consulta pública.

26 de febreiro de 2016 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.