publicidade hoxe

O Concello de Mos estuda a posibilidade de levar a cabo un proxecto de optimización integral da Escola Infantil da Porteliña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

O Concello de Mos ven de acometer traballos de mellora na cociña da Escola Infantil da Porteliña, que continuarán coa renovación do chan da mesma. A optimización da zona de cociña da Escola complétase coa instalación de novos aparellos electrodomésticos por parte do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.

A concelleira de Política Social mosense, Sara Cebreiro, supervisou hoxe as obras levadas a cabo estes días na cociña da Escola Infantil da Porteliña e anunciou que “en coordinación co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar estamos estudiando a posibilidade de acometer un proxecto de mellora integral das instalacións da Escola”. E é que, segundo explicou a edil, as dependencias sitas na Porteliña teñen unha antigüidade que xenera necesidades propias do uso continuado de tantos anos. 

Os aspectos concretos a renovar e mellorar mediante dito proxecto integral serían os chans, mobiliario, carpintería interior, pintado, e varios elementos estructurais tanto interiores coma exteriores. 

A da Porteliña foi a primeira Escola Infantil pública do municipio de Mos e sería a única ata xuño de 2011, que foi cando se inaugurou a Escola Infantil de Cototorrón. E a localidade mosense xa ten proxectada agora unha terceira Escola Infantil, que nesta ocasión ubicarase na Veigadaña. 

Esta nova Escola da rede galega ‘A Galiña Azul’ vai elevar ata 164 as prazas públicas de educación infantil do Concello de Mos. 

O novo edificio constará de 82 prazas e 6 unidades, e un orzamento de 800.000 euros. A previsión é que estea en funcionamento no 2017. 

Ademais deste novo centro na Veigadaña, a Xunta de Galicia puxo en marcha a Escola Infantil de Cototorrón (41 prazas), que abriu as súas portas – como xa se dixo – en xuño de 2011. Unha vez aberta a futura gardería da Veigadaña vanse multiplicar por catro as prazas públicas de educación infantil existentes en Mos en 2009. 

O Concello de Mos dispón xa de 82 prazas distribuídas en dúas escolas: a de Porteliña, que oferta 41 prazas, e a de Cototorrón, con outras 41 prazas. 

A nova Escola Infantil da Veigadaña terá unha superficie útil de 600 metros cadrados, situada no núcleo rural de Veigadaña. 

A terceira Escola Infantil da localidade mosense será pronto unha realidade. Dada a gran demanda de prazas de gardería que aumenta anualmente de xeito substancial, a nova Escola Infantil que se construirá en Mos será do formato de seis módulos, que é o máis grande de entre os existentes.

22 de febreiro de 2016 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.