publicidade hoxe

Cotobade pechará o Entroido cun festival e concursos de disfraces no Domingo de Piñata

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCotobade
A-
A+

O Concello de Cotobade será o encargado de pechar o Entroido 2016 na bisbarra das Terras de Pontevedra cun completo festival e dous concursos de disfraces, que repartirán 675 euros en premios, programados para o popularmente coñecido como Domingo de Piñata. Así, o Concello, que conta coa colaboración da Asociación Xuvenil San Miguel de Carballedo, vai concentrar todos os festexos o vindeiro 14 de febreiro no pavillón municipal de Carballedo. As actividades do macrofestival de Entroido de Cotobade arrancarán ás 17.00 horas co desfile dos cativos disfrazados ata o polideportivo sempre que a meteoroloxía o permita. En calquera caso, a inscrición no concurso infantil de disfraces, que será o acto que inicie o evento, abrirase xa ás 16.00 horas no consistorio ou, en caso de choiva, no pavillón.

O certame para cativos, destinado a menores de 16 anos, premiará aos mellores disfrazados nas modalidades individual, parellas e grupos, que recibirán 50, 75 e 100 euros, respectivamente. Nembargantes, todos os nenos participantes contarán cun agasallo pola súa asistencia. Xa dende as 18.00 horas terá lugar un karaoke infantil, no que os nenos poderán actuar sos, en grupo ou acompañados por adultos. Os interesados en cantar deberán anotarse no consistorio ou na páxina web municipal (www.concellodecotobade.org) antes do día 11 ás 14.00 horas, xa que haberá obsequios para todos os participantes.

Desta volta, habilitouse unha relación de posibles cancións a interpretar, con máis de 80 temas moi coñecidos, que se poden consultar no portal municipal, nos folletos promocionais ou a través do número de teléfono 986 760 001. Na mesma figuran cancións actuais de artistas tan coñecidos como Alejandro Sanz, David Bisbal, Lady Gaga, Ricky Martin, Jason Derulo, Malú, Melendi ou Pablo Alborán, entre moitos outros. Categoría especial de choqueiro Tras as actividades infantís, comezará, ás 19.00 horas, o concurso de disfraces para adultos, que pechará a súa inscrición trinta minutos antes. Neste certame habrá premios de 75, 125 e 200 euros para os mellores nas categorías individual, parellas e grupos e tamén un galardón especial, dotado con 50 euros, para o mellor choqueiro. Neste caso, hai que indícalo na inscrición e o traxe ten que estar feito con trapos ou roupa vella. O peche da festa está fixado para as 21.00 horas coa actuación musical de Dúo Caché.

4 de febreiro de 2016 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.