publicidade hoxe

Conde destaca a importancia da aceleradora Vía Galicia para facer das ideas realidades e do emprendemento novas pemes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigrán
A-
A+
Europa Press

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe no Investor’s Day da aceleradora de empresas de Vía Galicia, onde salientou a importancia desta iniciativa para “facer das ideas realidades, e do emprendemento novas pemes”.

A celebración da xornada, no Porto do Molle de Nigrán, supón o último paso da segunda edición desta iniciativa, permitindo que as 10 empresas seleccionados no seu día —Broo Band, Sila Games, Councilbox, Citious, RSP, SpvTracking, Vidahora, Calabizo, H2hydroponics e Latitude— expoñan os seus proxectos a posibles inversores.

“Galicia necesita xente coma vos, con espírito emprendedor”, explicou Conde, quen subliñou que o esforzo levado a cabo por estes proxectos xa está a xerar riqueza e benestar na Comunidade, contribuíndo a creación, de modo conxunto, de 42 postos de traballo. “Sodes un exemplo sobre o que queremos seguir aprendendo e confiando para que a Galicia da próxima década sexa mellor”, incidiu o conselleiro.

Neste marco, o titular de Economía, Emprego e Industria resaltou a importancia de Vía Galicia, que xa está a desenvolver a súa terceira edición. A aceleradora, apuntou, permite achegar aos participantes, ademais de apoio económico, as infraestruturas máis adecuadas, o mellor asesoramento, a colaboración de expertos para levar a cabo un plan de negocio, e a captación de financiamento.

Neste contexto, o conselleiro lembrou que esta terceira edición supuxo a ampliación de Vía Vigo a Vía Galicia, con sedes tanto en Porto do Molle como na CEL de Lugo, co obxectivo de chegar a 15 novos proxectos que se sumen ás 20 ideas empresariais promovidas nas dúas primeiras edicións.

Así mesmo, proseguiu Conde, xunto a Vía Galicia, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten impulsado outras aceleradoras como Galicia Open Future, xunto a Telefónica, e AgroBiotech. Uns proxectos que se enmarcan na aposta global polo emprendemento que se está a levar a cabo e que se reforza este exercicio con 40 millóns destinados ao impulso deste eido.

5 de febreiro de 2016 | 11:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.