Conde avalía coa alcaldesa de Melón as vías de colaboración para dinamizar a economía local
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo coa alcaldesa de Melón, María Cristina Francisco Vilchez, durante a que avaliaron posibles vías de colaboración entre a Xunta e o Concello para dinamizar a economía do municipio.
Neste sentido, Conde e Vilchez analizaron, xunto aos proxectos levados a cabo pola Consellería nos últimos anos en colaboración co municipio, outras iniciativas a desenvolver no presente exercicio.
Así, o encontro permitiu resaltar as posibilidades que podería ofrecer a celebración dun obradoiro de emprego na localidade de cara a facilitar a formación en especialidades de dinamización de actividades de tempo libre, como as rutas de sendeirismo; ou no mantemento e mellora dos edificios públicos.
Ademais, se estudaron as opcións doutros programas que ten abertos neste momento a Consellería, especialmente no eido da eficiencia enerxética, como é o caso da orde para a instalación de caldeiras de biomasa, ou a liña de apoios para a implantación doutras fontes renovables como a solar térmica ou a fotovoltaica.