publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Xosé Leal informa ás Comunidades de Montes de Marín e Vilaboa das liñas de axudas para actuacións no patrimonio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarínPontevedraVilaboa
A-
A+

“Queremos promover que a xente valore os elementos patrimoniais, pero se non se non os coñecen non os poden valorar”, así argumentou o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, a necesidade de investir en sinalización e actuacións no patrimonio histórico e artístico nunha visita que realizou esta mañá ao Lago de Castiñeiras, en Marín. Nunha superficie forestal de 80 hectáreas, na que se atopan 8 mámoas, e que son propiedade das Comunidades de Montes de Marín e Vilaboa, Leal asegurou que a visita está encamiñada “a coñecer de primeira man e sobre o terreo as necesidades dos propietarios desta comunidade, a vosa visión, porque sodes os que mellor coñecedes a situación, para poder contemplar as vosas impresións e inquedanzas nas liñas de subvencións que estamos elaborando”.

Pola súa banda, os representantes dsa Comunidades de Montes fixeron especial fincapé na necesidade de que as Administracións públicas asuman a xestión deste espazo natural para que actúe como recurso turístico e como centro educativo para xeracións vindeiras. Neste sentido, Xosé Leal avogou pola posta en valor dos elementos patrimoniais situados neste espazo e sempre encaixando estas actuacións nas competencias que corresponden ao seu departamento. Para isto lembrou que desde a Área de Cultura da Deputación de Pontevedra se  incluíu unha partida orzamentaria de 600.000 euros para axudas ao patrimonio histórico artístico, dos cales 200.000 euros se destinarán a sinalización de elementos patrimoniais e 400.000 euros a actuacións no patrimonio. Estas axudas, tal e como lles explicou o deputado de Cultura aos representantes das Comunidades de Montes, serán canalizadas a través dos concellos, que deberán ser os solicitantes das mesmas. Xosé Leal tamén aproveitou a súa visita para anunciarlles que está previsto que se habiliten outras liñas de axudas máis específicas en materia de montes e medio ambiente.

Como referente de elemento patrimonial, Xosé Leal tamén visitou a Mámoa do Rei, ante a que insistiu na necesidade de promover o seu coñecemento e o seu valor etnográfico tanto entre a cidadanía do Morrazo como entre o resto da provincia. Na visita estiveron presentes representantes das Comunidades de Montes de Marín e Vilaboa, a concelleira de Marín Pilar Branco e a tenente de Alcalde de Vilaboa Ornela Fernández.

19 de xaneiro de 2016 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.