publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cores Tourís coñece unha nova explotación de tomate negro posta en marcha en Meis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMeis
A-
A+
Cores Tourís na visita á explotación de Meis

Cores Tourís na visita á explotación de Meis

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Meis para coñecer unha explotación de tomate negro de Santiago na parroquia de San Vicente grazas as axudas para o apoio á creación de empresas para os agricultores mozos da Consellería de Medio Rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). O responsable territorial aproveitou a visita para anunciar a apertura da nova orde de axudas que conta cun orzamento global de 57,5 millóns de euros.

Nesta visita estivo acompañado polo alcalde de Meis, José Luis Pérez, o xefe territorial de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois, e o dono da explotación, Álvaro Requejo.

Cores Tourís coñeceu hoxe esta explotación que comezou coa produción de leituga, tomates e pemento de Padrón cunha extensión de 7.300 metros cadrados de invernadoiros e que agora, grazas á axuda recibida en 2015, pode poñer en marcha unha nova explotación de tomate negro de Santiago nun novo invernadoiro de 720 metros cadrados. A empresa traballa tamén en terreos ao aire libre con outros produtos como xudía, pemento italiano e repolo ou coliflor.

Tal e como explicou Álvaro Requejo ao delegado territorial, o obxectivo da subvención que recibiu por parte de Medio Rural, e que ascendeu a case 16.000 euros, permitiulle levar a cabo esta nova infraestrutura así como a instalación de rego localizado para o funcionamento correcto da horta. O seu futuro obxectivo e seguir a solicitar a colaboración da Xunta para a construción dun local onde almacenar o produto para a súa distribución. O delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, puxo esta iniciativa como exemplo dos novos emprendedores que apostan polo medio rural. Recordou que as subvencións as que se acolleu esta nova explotación teñen por obxectivo “fomentar a modernización e ampliación das instalacións agrogandeiras de Pontevedra e impulsar a incorporación de mozos ao medio rural”. En 2015 outorgáronse 13 axudas destas características na demarcación territorial de Pontevedra para novos agricultores e gandeiros en A Lama, Cuntis, Dozón, Forcarei, Meaño, Meis, Rodeiro, Silleda, Tui, Vila de Cruces e Vilaboa, o que supuxo un investimento global de 321.373 euros.

Pola súa banda, o alcalde da localidade agradeceu o traballo “destes dous veciños, que demostran que con iniciativa e ganas pódese vivir do campo, un sector moi importante no Salnés, en especial, en relación á reactivación da horta, que contou cunha gran tradición nesta comarca”.
Aposta pola modernización do sector

Ademais, recordou que a Consellería do Medio Rural acaba de abrir unha nova orde con tres liñas de axudas que se publicou no DOG o pasado 29 de decembro, e que conta cun orzamento global de 57,5 millóns de euros. “Isto evidencia”, segundo matizou o delegado territorial, “o importante esforzo e o compromiso do Executivo galego para promover a modernización do sector tanto no ámbito persoal como no referente a instalacións e loxística”, destacando que con estas achegas “actúase de xeito importante na modernización das instalacións do sector agrícola”, promovendo desta maneira “o desenvolvemento da actividade económica no rural da provincia”.

A nova orde de axudas destina 36 millóns de euros para apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, 18 para a creación de empresas para os agricultores novos, e 3,5 millóns para o desenvolvemento de pequenas explotacións. “Animamos a todos os empresarios do agro e tamén aos novos emprendedores que aposten por este sector a que se animen a solicitar estas axudas”, explicou Cores Tourís, recordando que o prazo de presentación de proxectos comezou o pasado 18 deste mes e rematará o 18 de marzo.

“Dende a Consellería do Medio Rural preténdese que esta norma sexa unha ferramenta máis para velar por que as explotacións de Galicia cumpran as normas mínimas en materia de medio ambiente, hixiene e benestar dos animais e que, de acordo ás directrices da normativa comunitaria, teñan unha implementación axeitada os preceptos de aforro enerxético, uso eficiente dos recursos hídricos e investimentos en novas tecnoloxías que permitan reducir as emisións de CO2 e amoníaco”, matizou o delegado territorial.

Investimentos nas explotacións agrícolas

No caso das axudas para o apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas, requírese ser titular dunha explotación agraria inscrita no Rexistro de explotacións agrarias de Galicia e levar a cabo un plan que mellore o rendemento global da explotación. Priorizaranse ás explotacións que, entre outras características, incorporen ou teñan incorporado nos 5 últimos anos un agricultor mozo, as que creen novas unidades de traballo agrario, as que presenten solicitude de axuda para proxectos innovadores ou integrados, as que teñan a condición de explotación prioritaria, as explotacións de montaña e ecolóxicas e ás de titularidade compartida.

A axuda será dun 40% dos custes elixibles, incrementables ata un máximo do 80%. O investimento executarase e xustificarase nun prazo de 18 meses dende a súa aprobación. O orzamento destinado para esta medida é de 36 millóns de euros.

Incorporación de mozos

As axudas para a creación de empresas para os agricultores mozos está destinada a aquelas persoas que, habendo cumprido os 18 anos e non chegando aos 41, desexen crear ou incorporarse a unha actividade agraria e acaden a capacitación profesional suficiente.

Concederáselles para este fin unha axuda repartida en dous tramos cunha contía básica de 20.000 euros, ampliables ata os 70.000 euros, que estará supeditada ao cumprimento dun Plan Empresarial presentado polo mozo no que quede acreditada a viabilidade da explotación na que se incorpora. O orzamento previsto para esta medida é de 18 millóns de euros.

O mozo deberá ter iniciadas as actuacións contempladas no Plan Empresarial nos 9 meses seguintes á notificación da concesión da axuda e completalas nun prazo total de 24 meses dende a súa instalación.

Existen catro modalidades de incorporación que son: a titularidade exclusiva, a cotitularidade dunha explotación agraria prioritaria, a integración como socio nunha entidade asociativa ou o acceso mediante titularidade compartida. Priorizarase, entre outras, simultanear a realización dun proxecto apoiado con investimentos nas explotacións agrícolas, instalarse a tempo completo, a localización en zonas desfavorecidas de montaña, crear emprego adicional ou crear unha explotación ecolóxica ou mediante un proxecto innovador.

Desenvolvemento de pequenas explotacións

As axudas para a creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións, que tamén está supeditada á execución dun plan empresarial cunha duración de 18 meses dende a aprobación da axuda, está destinada aos titulares de pequenas explotacións agrarias inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia que teñan a capacitación profesional suficiente, residan na comarca na que radique a explotación ou nunha limítrofe e, sendo maiores de idade, non teñan acadado a idade de xubilación.

A explotación requirirá, como mínimo, dun volume de traballo equivalente á metade dunha UTA imputable ao titular e manterase a lo menos os 5 anos posteriores ao pago final da axuda. Priorizaranse as explotacións cunha orientación produtiva principal hortícola ou frutícola, que sexan ecolóxicas e que estean situadas en zonas desfavorecidas. O orzamento previsto para esta medida é de 3,5 millóns de euros.

 

28 de xaneiro de 2016 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.