publicidade hoxe

Oito centros educativos visitarán en decembro as instalacións de Meteogalicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaCotobadeLugoRiveiraSantiago de CompostelaTeoVilalba
A-
A+

O servizo de predición meteorolóxica da Xunta de Galicia, Meteogalicia, recibirá ao longo do mes de decembro a visita de case 250 persoas, organizados nun total de nove grupos. Estas actividades permite aos visitantes, principalmente alumnos de centros educativos de Galicia -así como ao persoal docente-, coñecer ás instalacións e o funcionamento de Meteogalicia e os sistemas e material empregado para coñecer a predición meteorolóxica.

Ao longo deste mes, destaca a visita que se celebra hoxe dun grupo de alumnos de Ciencias da terra de do medio ambiente de 2º de BAC do Instituto de Ensinanza Secundaria Arcebispo Xelmírez II, de Santiago de Compostela; mentres que o grupo máis numeroso é un de 42 alumnos de 3º e 4º da ESO (Educación Secundaria Obrigatoria) do Instituto Ensino Secundario de Cotobade.

Na seguinte táboa indícase o calendario de visitas ao longo do mes de decembro.taboa-visitas-decembro-meteogalicia

Estas actividades adáptanse e adecúanse ao nivel e intereses do auditorio, de modo que se afonda máis ou menos segundo o devandito nivel. No caso de que os alumnos participantes sexan de Bacharelato tamén se lles explica unha descrición das situacións sinópticas e o seu recoñecemento. Para alumnos de Universidade ou outro tipo de grupos explicarase tamén o funcionamento dos modelos meteorolóxicos, a interpretación dos seus resultados e o uso da páxina web de Meteogalicia na que se poderá atopar toda a información que se precisa para realizar a predición. Tamén se deteñen, se é de interese, nun aspecto fundamental da meteoroloxía como é a detección e seguimento de fenómenos meteorolóxicos adversos e fan especial fincapé nas fontes de incerteza que existen no traballo de toma de datos e na posterior predición.

Estas actividades divulgativas están enfocadas tanto a estudantes de centros de ensinanza, como ás asociacións culturais. Para elo, ademais de incluír visitas ás instalacións de Meteogalicia en San Lázaro, tamén se explican os pasos esenciais que se deben dar para realizar as predicións meteorolóxicas. Na seguinte táboa indícanse por día os centros que participarán nesta actividade formativa.

Meteogalicia recibe alumnos de colexios e institutos dende o seu comezo, hai 15 anos, xa que sempre se considerou unha parte fundamental da meteoroloxía dar a coñecer cómo se fan as predicións e medicións do medio atmosférico. Para máis información sobre o contido das conferencias que se imparten en Meteogalicia hai que consultar o seguinte enlace: http://www.meteogalicia.es/web/formacion/formacionIndex.action.

Optimización da web

Nestes encontros tamén se aproveitará para explicar aos visitantes a optimización levada a cabo na web de Meteogalicia, que consiste na posta en marcha dun sistema de elaboración automática de comentarios na predición a curto prazo específico para cada concello e que xa está dispoñible na páxina: http://www.meteogalicia.es. Este reforzo da información é froito da colaboración entre Meteogalicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) para mellorar a información sobre a predición meteorolóxica dos concellos que se ofrece a través da páxina web.

As notas explicativas ofrecen o prognóstico meteorolóxico e o índice de calidade do aire en cada municipio galego. O comentario xérase de xeito automático a partir da aplicación GALiWheather, empregando para isto técnicas de intelixencia artificial e xeración de linguaxe natural.

Outra das novidades introducidas na páxina web é a predición da calidade do aire do día actual e os dous seguintes, mediante unha escala de cores. Ofrécense datos das estacións meteorolóxicas pertencentes á rede de estacións automáticas de Meteogalicia, no contorno do concello seleccionado; e ademais, a web contén gráficos coa evolución das temperaturas máximas e mínimas a curto e medio prazo.

A páxina web de Meteogalicia rexistrou máis de 55 millóns de visitas no ano 2014, o que supón unha media de arredor de 155.000 visitas ao día, converténdose nunha das plataformas máis consultadas na comunidade.

 

1 de decembro de 2015 | 12:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.