publicidade hoxe

Brión traslada a inauguración da exposición “Carteis 1970-2014” do ilustrador Xosé Vizoso ata o 15 de xaneiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión informa do cambio de data na inauguración da exposición “Carteis 1970-2014” do prestixioso ilustrador, deseñador e ceramista Xosé Vizoso, prevista inicialmente para este venres 11 de decembro. Como a sala de exposicións non poderá ser utilizada por mor do proceso electoral, Concello e Vizoso acordaron atrasar ata o 15 de xaneiro esta escolma da obra como cartelista deste artista mindoniense, residente en Brión, ao longo dos últimos 44 anos.

Así, ata o 26 de febreiro todos os veciños e visitantes que o desexen poderán coñecer a obra deste destacado artista plástico, que exerceu a maior parte da súa carreira profesional vinculado a Sargadelos e a Isaac Díaz Pardo. De feito, os seus deseños convertéronse nun referente iconográfico dunha cerámica, valorada e apreciada no mundo enteiro, que representa como ningunha outra a identidade da Galicia da segunda metade do século XX. 

Esta mostra, que viu a luz por primeira vez da man da “Asociación As San Lucas de Mondoñedo” e que antes de chegar a Brión percorreu outras localidades galegas, inaugurarase finalmente o venres 15 de xaneiro, ás 20:30 horas. A Sala de Exposicións Municipal da Casa da Cultura acollerá así nunha gran homenaxe que o Concello de Brión lle fará a un dos seus veciños máis ilustres.

7 de decembro de 2015 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.