publicidade hoxe

Xosé Leal avoga en Cangas polo uso normalizador do idioma no Día da Ciencia en Galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasPontevedra
A-
A+
Xosé Leal no Auditorio de Cangas

Xosé Leal no Auditorio de Cangas

O deputado provincial de Cultura e Normalización Lingüística, Xosé Leal, aproveitou a súa visita aos restos arqueolóxicos do Monte do Facho de Donón (Cangas)  para referirse ao Día da Ciencia en Galego e avogar polo uso normalizador do idioma en todos os ámbitos. “O galego ten que estar presente en todas as áreas e a científica é unha das máis relevantes, e debe ter un uso normalizado tanto na relación entre ciencia e ensino como a nivel profesional e investigador”, afirmou o deputado provincial.

Xosé Leal quixo facer esta referencia no contexto da visita ao almacenamento das pezas do xacemento do Facho, aproveitando o carácter investigador e de recuperación da identidade e da historia como pobo e como sociedade que supoñen os traballos e achados arqueolóxicos. Da dimensión científica da arqueoloxía destacou a súa importancia para “extraer información histórica e ofrecer evidencias sobre as nosas orixes e a nosa evolución como sociedade”.

O Día da Ciencia en Galego celébrase o 4 de novembro co obxecto de promover a reflexión sobre o papel da ciencia na cultura e no ensino, reivindicar  o uso do galego nas áreas científico-tecnolóxicas, e divulgar experiencias científicas pensadas e desenvolvidas en galego.

Este ano 2015, está dedicado aos científicos galegos Carlos Gómez-Reino Carnota e Isidro Parga Pondal. Carlos Gómez-Reino é un recoñecido científico, profesor e investigador da Facultade de Física da USC, mentres que Isidro Parga é un dos máis importantes xeólogos de Galicia, docente, investigador, e pioneiro na defensa do uso do galego no mundo da ciencia.

Diversas institucións e colectivos celebran esta xornada reivindicando a oportunidade do uso da lingua galega para a investigación, a divulgación e a docencia. Entre as institucións máis destacadas que celebran actos no día de hoxe, cóntanse as tres Universidades galegas, o Consello Superior de Investigacións Científicas, e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. 

4 de novembro de 2015 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.