publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Seis actuacións teatrais, un magosto, unha mostra de carteis de Vizoso e unha xornada de cine no Outono Cultural de Brión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Outono Cultural traerá a Brión unha completa programación lúdico-cultural para os dous próximos meses. Unha axenda programada polo Concello de Brión no que o teatro ocupa o lugar máis destacado, con ata seis actuacións establecidas, canda o tradicional Magosto, unha xornada de cine familiar e unha interesante exposición de carteis a cargo do ilustrador e deseñador afincado en Brión Xosé Vizoso. Un programa elaborado polo Concello de Brión, en colaboración coa Deputación da Coruña.

Unha das citas máis agardadas de todos os anos é a tradicional festa do Magosto, que se celebrará na Carballeira de Santa Minia a partir das 19:00 horas do venres 27 de novembro. Haberá música tradicional da man de “Asubíos do Rebordelo” e da “Escola municipal de música e baile de Brión”, así como castañas, churros e chocolate quente de balde para todos/as.

Antes, este venres 13 de decembro, o auditorio do centro social polivalente acollerá unha sesión de cine familiar. O filme será “Zipi e Zape e o club da canica” e a proxección será ás 18:30 horas. Acceso libre e de balde. O sábado 14, nova sesión do ciclo de teatro afeccionado “Teatro e Punto” coa representación de “A rúa do inferno”, por Axóuxere Teatro. No polivalente de Brión, ás 20:30 horas. Entrada libre ata completar aforo. 

A mesma hora e lugar acollerá o sábado 21 de novembro a única actuación de teatro profesional destes dous meses: Mofa e Befa volverán un ano máis a Brión, nesta ocasión coa obra “Bobas & Galegas”. E o último sábado do mes, o 28 de novembro, o teatro afeccionado trasladarase ata o teleclub de Ons, onde a partir das 20:30 horas A Mámoa porá en escena “Se o sei non volvo a casa”.

Decembro 

No mes de decembro, e á espera de pechar o programa específico de Nadal, o “Outono Cultural de Brión” iníciase o sábado 5 de novembro cunha xornada de teatro especial: Xoré Teatro porá en escena “Pementeiras”, unha obra coa que o Concello de Brión conmemorará o Día contra a Violencia de Xénero. A representación será no polivalente, ás 20:00 horas, con entrada gratuíta ata completar aforo.

O venres 11 de decembro, Xosé Vizoso presenta en Brión a súa exposición “Carteis 1970 – 2014”. Unha mostra que se poderá visitar na Sala de Exposicións Municipal da Casa da Cultura de Brión, onde se inaugurará o 11 de decembro ás 20:30 horas. O sábado 12 volta o mellor teatro afeccionado coa Compañía teatral T-Tinglado, que representará “Selfie”, ás 20:30 horas no polivalente. Finalmente, o ciclo “Teatro … e Punto” pechará a tempada 2015 o sábado 26 coa compañía Chumpa Teatro, que representará no teleclub de Ons a obra “Un marido de ida e volta” a partir das 20:30 horas. 

9 de novembro de 2015 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.