publicidade hoxe

O Concello do Grove entregará o XXII Premio de Novela Curta este venres nunha Gala de Homenaxe a Lueiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+

O Concello do Grove quere revitalizar a figura do escritor de referencia da vila, para ese fin ven de organizar unha Gala de homenaxe na que se fará entrega do XXII Premio de Novela Curta Lueiro Rey ao ribeirense Antonio Piñeiro Fernández pola súa obra “O Noiro”. O evento será presentado por Yolanda Castaño e contará coa presenza da familia de Lueiro Rey e representantes do mundo da literatura en Galicia.

Ademais da lectura de poemas a cargo dos mozos e mozas dos IES Monte da Vila e Bizocas e das distintas intervencións o acto contará coas actuacións do duo de corda conformado por Clara Pino e Abel Afonso e do cantautor Narf, quen deleitará aos asistentes con pezas poéticas musicadas.

O premio

O premio está dotado con 3.000 euros e chega este ano a súa vixésimo segunda edición. Na edición de 2015 concorreron un total de quince obras que foron valoradas por un xurado presidido por Manuel Quintáns e conformado por Francisco Martínez Bouzas, Armando Requeixo, Ánxela Gracián e Antonio Pichel – gañador da edición anterior – todos eles recoñecidos especialistas no eido da literatura. 

Dende o Concello do Grove convídase a tódolos veciños e veciñas a que participen neste acto que servirá para poñer en valor a figura de Lueiro e para preparar o ano 2016, no que se celebrará o centenario do seu nacemento. 

5 de novembro de 2015 | 14:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.