publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Tradescola e ESMU Lugo organizan a presentación do libro “Pito Galego” de Moisés Quintas Suárez

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O vindeiro xoves 19 de novembro, a Tradescola e a Escola de Música Municipal de Lugo (ESMU Lugo) organizan en común a presentación do libro “Pito Galego, Método práctico” de Moisés Quintas Suárez, editado por Ouvirmos. Esta presentación terá lugar no Salón de Actos da Tradescola, no Centro Lug 2, na rúa Pintor Corredoira nº 4 (Lugo) a partir das 19.30 horas. Moisés Quintas, autor do libro, acompañado de José Manuel Aldea (Editorial Ouvirmos), presentarannos “Pito Galego: Método Práctico” e falarannos da orixe e evolución deste instrumento amosando un estudo riguroso dos distintos pitos, no que se verán fotografías, gravacións de audio, exercicios progresivos, técnica, articulación, afinación, … así como outras informacións relevantes sobre este instrumento.

Moisés Quintas é afeccionado á música dende neno, estudando guitarra e frauta traveseira nos conservatorios de Ourense, Cádiz e Vigo. É compoñente e membro fundador de distintas formacións musicais como Arco da Vella ou Trasmundi, coas que editou varios traballos discográficos. Tamén como frautista e guitarrista ten colaborado e gravado con distintos grupos folk como: Xeque Mate, Malvela ou Tino Baz.

No ano 2011 coa editorial Ouvirmos publica a “Guía Didáctica de Instrumentos Galegos”, un libro-CD con audio e pista interactiva en formato web, que presenta unha exhaustiva clasificación e descrición dos instrumentos galegos e as súas partes, coa súa etimoloxía, orixe e evolución. En maio de 2015 publica un método online en formato web para a aprendizaxe do Pito Galego con fotografías, audios, exercicios progresivos e máis de 50 melodías tradicionais galegas, recentemente editado en libro pola Editorial Ouvirmos.

Na actualidade compaxina a súa profesión de docente na área de Educación Musical con seminarios, recollida de música tradicional, concertos, composición e arranxos musicais, ao tempo que desenvolve traballos didácticos sobre distintos instrumentos. A entrada é aberta e de balde.

18 de novembro de 2015 | 11:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.