publicidade hoxe

SOS Sanidade Pública critica que a vida de Andrea se manteña pola ideoloxía do xefe de Pediatría

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNoiaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O voceiro de SOS Sanidade Pública en Santiago, Xosé María Dios, opina que “non ten sentido” que non se atenda a petición dos pais de Andrea de darlle unha morte digna e relaciona esta postura “cunha cuestión de tipo ideolóxico” do xefe de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), José María Martinón.

“Non ten sentido que non se aplique o que están a demandar os pais”, subliñou Dios Diz, quen recordou -en declaracións aos medios- que “a propia lei” ampara esta posición de forma “clara e explícita”.

Andrea naceu hai 12 anos cunha enfermidade neurodegenerativa grave e o seu estado empeorou o pasado mes de xuño, cando sufriu unha hemorraxia gastrointestinal que a levou ao hospital. Os médicos aseguran que non será reanimada nin tratada se xorde algunha enfermidade aguda, pero tamén indican que a súa vida neste momento non depende de ningún soporte mecánico para manter as súas funcións e que a súa única dependencia é relativa á alimentación. É por iso que recibe directamente no estómago líquidos e nutrientes mediante gastrostomía, a técnica “menos agresiva”.

Así as cousas, o voceiro de SOS Sanidade Pública xulgou que se trata dunha “violación da lei”, posto que, ademais, a petición dos pais de Andrea está aceptada polos seus médicos e polo comité de bioética. De feito, incidiu en que é “o xefe de Pediatría” do CHUS quen “está a impedir” que se dea “unha solución” ao caso.

“SOLUCIÓN CLÍNICA A UN PROBLEMA CLÍNICO”

“Hai que dar unha solución clínica a un problema que é clínico, dunha persoa que está nunha situación clínica irreversible da que non pode recuperarse nunca”, resaltou.

De feito, relatou que a nena nin sequera pode ser alimentada con sonda e que “ten todo o interior queimado”, así como que “nin fala nin falou dende os oito meses e ten 12 anos”. “Ten que ter unha morte digna”, se reafirmou.

Dito isto, lamentou que os pais de Andrea, “aparte do problema que teñen, teñan que andar en cuestións xudiciais ou coa prensa” para reivindicar un dereito que a lei lles concede. “É algo que non se entende”, reprobou.

CRÍTICA Á CONSELLEIRA

Finalmente, o voceiro de SOS Sanidade Pública criticou as declaracións da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, nas que pide “deixar aos profesionais” que sexan “os que decidan” neste caso se cabe ou non retirar a Andrea a alimentación artificial que a mantén con vida.

“Paréceme que hai que ir un pouco máis alá e cumprir a lei”, sentenciou Xosé María Dios, sen deixar de facer fincapé en que a normativa vixente “é clara” neste aspecto.

1 de outubro de 2015 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.