publicidade hoxe

Portos de Galicia informa ao Concello de Viveiro das melloras realizadas no porto de Celeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaViveiro
A-
A+

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, mantivo esta mañá en Santiago unha reunión de traballo coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, para informarlle sobre as distintas actuacións e proxectos para o porto de Celeiro-Viveiro.

José Juan Durán informoulle á rexedora sobre a situación do proxecto de demolición das tres casetas emprazadas no porto. Neste senso, sinalou que neste momento está a piques de remitirse o proxecto de demolición e acondicionamento para, de seguido, levar a cabo a supervisión técnica e o seu posterior envío á asesoría xurídica co fin de recuperar as concesións. Así mesmo tamén se estudará a posibilidade de asinar un convenio co concello para a instalación dun emisario submarino en Celeiro.

En canto ás melloras nas instalacións portuarias, o presidente de Portos de Galicia informou da situación do procedemento de contratación do proxecto de medios de defensa e amarre para o porto de Celeiro, que neste momento está pendente da proposta de adxudicación. Convén lembrar que, segundo o proxecto presentado no seu día, a citada actuación terá unha segunda fase no ano 2016.

En canto á dragaxe do porto de Celeiro e das instalacións náuticas de Viveiro, xa se lle pasou ao organismo correspondente unha proposta sobre a zona de vertido. José Juan Durán insistiu en que son procedementos complexos nos que o ente público ten que cumprir coa normativa vixente na materia que, por outra parte, experimentou recentemente unha serie de modificacións que aumentan, aínda máis, a complexidade do procedemento.

Portos de Galicia é consciente da necesidade desas dragaxes pero, nesta fase, o organismo portuario limítase a cumprir co que está legalmente establecido e, ao mesmo tempo, comprende as molestias que esta situación pode xerarlle aos usuarios.

Finalmente, fíxose un repaso das actuacións levadas a cabo no porto, como foi o peche do local da confraría, o derrubo de varias casetas no Porto Vello e posterior creación dun aparcadoiro e a restitución e reforzo da escollera do dique de abrigo de Celeiro, entre outros. Estas actuacións supuxeron unha inversión que se achega aos 1,4 millóns de euros.

16 de outubro de 2015 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.