publicidade hoxe

Os concellos do Morrazo demandan colaboración para crear un servizo de normalización lingüística conxunto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuCangasLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Xosé Leal na reunión con representantes dos concellos

Xosé Leal na reunión con representantes dos concellos

O deputado provincial de Cultura e Normalización Lingüística, Xosé Leal, mantivo na tarde de onte unha xuntanza de traballo co alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, cos concelleiros de Normalización Lingüística  e de Xuventude desta localidade, Heitor Mera e Andrés García, coa concelleira de Normalización Lingüística de Bueu, Silvia Carballo, e co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, para artellar accións de traballo conxunto en materia de normalización do idioma. “A posibilidade de establecer un servizo de normalización conxunto entre os concellos de Cangas e Bueu, ou mesmo a través de todos os concellos da mancomunidade, é unha vía que queremos fomentar desde o ente provincial e que tamén está en sintonía coa liña da Secretaría Xeral de Política Lingüística” afirmou Xosé Leal tras a xuntanza.

A posibilidade de establecer un servizo de Normalización Lingüística conxunto entre os concellos da comarca do Morrazo permitiría un aproveitamento máis racional dos recursos, focalizar mellor o labor de asesoramento e soporte por parte do servizos lingüísticos da Deputación e acometer un maior número de accións e actividades por parte das administracións locais. “Vemos moi interesante a posibilidade de que os concellos se agrupen para traballar conxuntamente na dinamización do idioma e na potenciación do seu uso social, e sobre todo, que se comece a traballar activamente na creación e potenciación deste servizo do que carecen a maioría dos concellos desta provincia”, sinalou Xosé Leal.

O deputado provincial de Cultura e Normalización Lingüística lembrou que na provincia de Pontevedra a existencia do servizo de Normalización Lingüística é residual, posto que non chega nin á decena, e que para corrixir esta situación desde a Deputación de Pontevedra se establecerán estímulos, a través do fondo global para os concellos, para aqueles que aposten por crear ou potenciar este servizo.

Ademais, poranse a disposición dos concellos os recursos técnicos e de asesoramento do servizo lingüístico da Deputación que traballarán en estreita colaboración cos entes locais para dinamizar e fomentar o uso do idioma galego tanto a nivel interno como de cara ao público. Desde os servizos lingüísticos provinciais tamén se habilitará unha páxina web específica para que funcione como recurso de apoio e consulta para os 62 concellos da provincia. Nesta web está previsto introducir modelos de documentos administrativos, libros de estilo que inclúan normas gramaticais, léxicas e de redacción e un boletín lingüístico no que se recollan desde convencións gráficas e recursos de internet ata frases feitas e documentos protocolarios.

29 de outubro de 2015 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.