publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

‘Os Bolechas na máquina do tempo’ e o espectáculo ‘Contos en Rede’ viaxan da man do programa ‘FalaRedes’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBarbadásCelanovaRibadavia
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria -por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística- segue a levar por toda Galicia o espectáculo ‘Os Bolechas, na máquina do tempo’ dentro do Programa ‘FalaRedes 2015′. Ofrecido por Cultura e Educación entre as entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, e coa colaboración das deputacións provinciais da Coruña e Pontevedra en concellos da súa competencia territorial, representarase esta fin de semana en tres localidades ourensás na procura do público máis cativo.

A listaxe de actuacións ábrese o sábado en Ribadavia (ás 18:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura) e o domingo chega a Celanova (ás 12:45 horas, no auditorio municipal Ilduara) e a Barbadás (ás 19:00 horas, na Casa da Cultura da Valenzá). A entrada é, coma sempre no ‘FalaRedes’, libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

‘Os Bolechas, na máquina do tempo’ é un espectáculo de monicreques manipulados por actores á vista dirixido, especialmente, a cativos de 4 a 8 anos de idade. Desta volta, os irmáns Bolechas e mailo seu inseparable canciño Chispa atopan un aparello que os teletransportará ao futuro, converténdoos en adultos: a máquina do tempo. O doutor Apolodoro -o científico tiruleco dono da máquina- será quen os guíe por diferentes etapas da historia

A actividade de dinamización lingüística prosegue a súa xira no ‘FalaRedes’ na que ha sumar un total de 40 localidades da RDL visitadas a finais do mes de outubro. O calendario completo pódese consultar en www.lingua. gal e na Axenda da Cultura de Galicia.

Contos en Rede

Canda ‘Os Bolechas, na máquina do tempo’ o programa ‘FalaRedes’ achega un novo espectáculo itinerante: ‘Contos en Rede’. Trátase dunha aposta, exclusivamente oral, que pretende destacar a vital importancia da transmisión por medio da fala.

Os contacontos Ana Carreira, Inacio Vilariño e Santi prego serán os encargados de levar adiante esta proposta para público de calquera idade, que percorrerá 30 entidades (27 municipios e 3 mancomunidades) ao longo dos meses de outubro e novembro.
Estes meses supoñen un tempo que se caracteriza polas xuntanzas a carón do lume para escoitarmos os contos que, de xeración en xeración, veñen transmitíndose en lingua galega.

A estrea do ‘Contos en Rede’ é o sábado no concello de Carballedo (ás 20:00 horas, no Salón de Actos do Concello) da man e da voz de Inacio Vilariño. Tamén o sábado, pero en Zas, será Santi Prego quen achegue os seus relatos (21:30 horas, no Auditorio de Baio). O domingo, dúas novas oportunidades para gozar do ‘Contos en Rede’ noutros tantos concellos: na Lama (17:30 horas, na Casa do Pobo, con Inacio Vilariño) e en Mondariz (19:00 horas, no Centro Social, con Santi Prego).

Todas as datas e máis os espazos desta actividade pódense consultar, tamén, no web institucional www.lingua.gal e na Axenda de Cultura de Galicia.

‘FalaRedes 2015′

A cuarta edición do programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do ‘FalaRedes’ están a percorrer os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con preto de 170 entidades adscritas. Nos tres primeiros anos de desenvolvemento do programa foron case 600 as actividades programadas no marco da RDL, todas elas, con grande acollida de participantes.

9 de outubro de 2015 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.