publicidade hoxe

Nova edición do concurso radiofónico de teatro lido de Ames, Desata a Lingua!!!

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

O Concello de Ames pon en marcha a quinta edición do Concurso radiofónico de teatro lido de Ames, Desata a Lingua!!. Este concurso está dirixido ao alumnado do Concello de Ames que estea matriculado no 2º ciclo da ESO ou no bacharelato. A temática será libre, aínda que se valorara que estea relacionada con temas de actualidade. A participación pode ser en grupos formados por entre 2 e 4 persoas. As inscricións pódense realizar no IES de Ames (Bertamiráns) e no IES do Milladoiro ata o 15 de outubro (incluído). Repartiranse un total de 600 euros en tres premios dotados con 200 euros cada un.

Segundo explica a concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, “o concurso radiofónico de teatro lido pretende dinamizar dun xeito lúdico o uso oral e escrito do galego entre a mocidade amesá a través da reflexión colectiva e da creatividade. Intenta, ademais, fomentar o gusto polo teatro entre a mocidade e o achegamento á radio municipal”.

Nesta iniciativa, que está organizada polos departamentos de Normalización Lingüística, Comunicación e Mocidade, poderá participar todo o alumnado matriculado no segundo ciclo da ESO ou no Bacharelato dos centros de ensino do Concello de Ames. Participarase en grupos formados por entre 2 e 4 persoas. Todos os grupos deberán ter un/unha representante (profesorado ou calquera outra persoa adulta) co fin de coordinar coa organización as datas da formación e da gravación.

Os textos estarán en lingua galega.A temática será libre, aínda que se valorará que estea relacionada con algún tema de actualidade. O texto poderá ser de creación propia ou unha adaptación/recreación dun texto de autor/a. O tempo estimado de emisión para cada unha das pezas estará entre os 5 e os 10 minutos.

A inscrición dos participantes realizarase no IES de Ames (Bertamiráns) e no IES do Milladoiro, a través do Equipo de Dinamización Lingüística e utilizando a ficha de inscrición que se facilite. O prazo para inscribirse remata o 15 de outubro (incluído).

Xornada de formación

Todo o alumnado inscrito participará nunha xornada de formación na que se achegarán claves de guionización, locución e interpretación. Esta xornada terá unha duración de tres horas e impartirase nos centros de ensino entre o 21 e o 23 de outubro.

Todos os e as participantes realizarán a gravación e a montaxe do monólogo na Radio municipal de Ames, entre o 3 e o 6 de novembro, previa cita fixada pola organización. A emisión das pezas realizarase en Ames Radio (FM 107.2) entre o 9 e o 22 de novembro nas seguintes franxas horarias: das 13:30 h ás 14:30 e das 22:00 h ás 23:00 h (de luns a venres).

Os días 9 e 22 de novembro realizarase unha emisión especial pola tarde na que se poderán escoitar todas as pezas. A participación no concurso implica a autorización para estas emisións e a cesión a favor do Concello de Ames dos dereitos de comunicación pública, reprodución e distribución. A todas e todos os participantes facilitaráselles unha copia das súas pezas.

Repartiranse 600 euros en premios

Repartiranse un total de 600 euros en tres premios dotados con 200 euros cada un. A audiencia da radio municipal escollerá entre as pezas emitidas o que obterá o premio do público. A votación realizarase entre o 12 e o 22 de novembro (incluídos) a través do correo electrónico radioteatro@concellodeames.orgou do teléfono 981 890 452. Os/as votantes terán que identificarse e só se computará un voto por persoa.

Haberá outros dous premios: premio ao mellor guión orixinal e premio á mellor interpretación. Estes dous premios tamén estarán dotados con 200 euros cada un. O Concello de Ames designará un xurado que será o encargado de seleccionar todos os premios, agás o do público. Os premios entregaranse o venres 27 de novembro.

Todo o alumnado e profesorado participante recibirá como agasallo un convite para unha das funcións teatrais programadas polo Concello de Ames. Estes convites poderán intercambiarse por entradas no prazo de reserva establecido polo Concello e estarán suxeitos á dispoñibilidade de aforo.

2 de outubro de 2015 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.