publicidade hoxe

Créase en Cambre a campaña “Recolleita Permanente” para colaborar coa Despensa de alimentos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+

As asociacións cambresas e o goberno local crean unha campaña de recollida de alimentos para a Despensa de Alimentos denominada “Recolleita Permanente”. A pasada semana tivo lugar no centro sociocultural da Barcala unha reunión entre os concelleiros de Benestar Social e Terceira Idade, Jesús Bao,  e María Jesús Gomez, respectivamente, e diferentes asociacións do municipio. Segundo Bao, as asociacións mostraran a súa inquietude e ganas de colaborar na recollida de alimentos para  a  despensa e este foi o motivo de organizar a reunión na que se decidiu  coordinar unha acción denominada “RECOLLEITA  PERMANENTE”. Consiste en fixar  un punto de recollida de produtos alimenticios  e de primeira necesidade  nos locais sociais das asociacións  que queiran participar. O obxectivo da campaña é complementar os  produtos que recibe a despensa  de O.E e do Banco de Alimentos, nun momento no que a despensa traballa con cadea de frío e pode distribuír produtos perecedoiros. Doutra banda,  a campaña permitirá actuar de maneira preventiva ante unha  posible falta de alimentos ou dalgún  tipo de produtos no canto de actuar de maneira paliativa. Cabe destacar tanto a alta participación  na reunión como a boa  acollida da proposta que partiu do tecido asociativo. “Canalizamos o torrente de propostas solidarias das asociacións de Cambre e por iso poremos en marcha esta campaña coas asociacións a quen teño que agradecer a súa disposición a traballar polo benestar dos cambreses”, apuntou o edil.

16 de outubro de 2015 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.