publicidade hoxe

As mámoas de Castiñeiras daranse a coñecer no Museo Massó o vindeiro venres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

As mámoas de Castiñeiras serán presentadas ao público o vindeiro venres, 23 de outubro, no Museo Massó ás 20.30 horas. A charla, titulada “A actuación de posta en valor das mámoas da Tomada de Martínez no Parque Empresarial Castiñeiras de Bueu”, será impartida polo arqueólogo director da actuación, Juan C. Castro Carrera, da empresa Anta de Moura e conta coa colaboración da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e do Concello de Bueu. A charla vaise centrar nos actuais traballos de acondicionamento e conservación destas tumbas neolíticas para convertelas nun novo recurso cultural para Bueu. O obxectivo é achegar as mámoas á cidadanía, potenciando tamén que vaian visitar este monumento da época megalítica.

As obras de escavación e acondicionamento das mámoas iniciáronse fai aproximadamente un mes e están a piques de culminar e, segundo a Dirección Xeral de Patrimonio, contan cun orzamento de 17.000 euros no que tamén se engloban fondos FEDER. A actuación consiste basicamente nunha limpeza de toda a vexetación e na recuperación do estado orixinal dos túmulos, para que as persoas os poidan visitar nas mellores condicións posibles. De feito, durante a primeira semana de outubro xa se organizaron visitas guiadas para cidadáns e colexios, nas que destaca a participación de varios grupos de alumnos do IES Illa de Ons, do CEIP  A Pedra e ata do instituto alemán Gymnasium Harsewinkel. No que respecta ás visitas dos cidadáns, Juan Castro sinala a sorpresa porque todos os días viñeron persoas de Marín, Cangas e Bueu, interesados pola escavación.

O traballo de campo queda culminado hoxe coa sementeira. Nas vindeiras semanas procederase á colocación de paneis interpretativos e ao valado perimetral, segundo como avance o proceso de sementeira. Con esta previsión, as mámoas quedarían listas para visitar, a moi tardar, a mediados de novembro. 

16 de outubro de 2015 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.