publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os empresarios de Santa Comba presentan os “Costavales”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSanta Comba
A-
A+

A Asociación de Empresarios de Santa Comba ven de poñer en marcha un novedoso sistema de vales de desconto para o seu uso en todo tipo de comercios e negocios da Costa da Morte, co nome de “Costavales”. O sistema está na súa fase piloto funcionando xa en 17 establecementos comerciais de Santa Comba, e recentemente mereceu o apoio do Concello desta localidade e mais do de Ponteceso, onde se pretende implantar a continuación, co apoio dos empresarios locais. Tamén colaboran cos “costavales” entidades sen ánimo de lucro como o equipo de fútbol Xallas F. C. ou Cáritas Parroquial de Santa Comba.

Os “costavales”, inspirados nas moedas locais complementarias que están a funcionar en diversos lugares do mundo, consisten nunha serie de vales impresos en forma de billetes con valores de 1, 2 , 5, 10 e 20 costavales que poden ser utilizados con valores equivalentes en euros nos comercios adheridos. Os comerciantes posteriormente pódenos usar noutros negocios ou trocalos por euros na oficina da Asociación Costavales, creada para xestionar o sistema.

“A participación dos comercios é moi flexible e cada quen pode elixir se acepta o 100 % do prezo en costavales, o 50 %, ou só o 10 % en compras dun importe superior a tantos euros, por exemplo”, explica Manuel Amigo, empresario e presidente desta nova entidade. Para promover o seu uso, recentemente sortearon un total de 1.500 costavales entre a clientela dos comercios de Santa Comba. As persoas que consegan estes vales poden usalos nas súas compras nos comercios indicados en www.Costavales.com, onde se actualiza permanentemente a listaxe e onde se explica o funcionamento cun vídeo animado e con respostas ás dúbidas máis frecuentes. Neste sitio web tamén están a disposición de todos os participantes as normas de uso e contacto cos responsables.

Segundo explican os seus promotores, o proxecto “Costavales” ten varios obxectivos, sendo o principal, potenciar o comercio local e evitar que a riqueza producida na zona marche para fóra. Manuel Amigo explica que se inspiraron “nas monedas sociais para poñer en marcha un sistema que evite que o 80 % da riqueza dunha Costa da Morte xa deprimida marche para outros lugares”. O responsable da Asociación Costavales engade outras vantaxes: “Tamén serve para fidelizar clientes, aumentar os intercambios comerciais entre as propias empresas da comarca, mellorar a súa liquidez, axudar ás necesidades da poboación local máis desfavorecida ou facer de reclamo publicitário”. De feito, os billetes contan cun atractivo e exclusivo deseño cada un, baseados en elementos de relevancia na Costa da Morte, como a gandaría, as árbores, a pesca ou elementos xeográficos emblemáticos como a Fervenza de Ézaro.

30 de setembro de 2015 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.