publicidade hoxe

In Nave Civitas homenaxea a Juan Díaz Porlier no bicentenario do seu aforcamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaOrdes
A-
A+

Co gallo do bicentenario do aforcamento do capitán Juan Díaz Porlier, o colectivo literario In Nave Civitas organiza unha serie de actos honoríficos o vindeiro sábado, 3 de outubro, para conmemorar a loita en prol da liberdade levada a cabo por este militar,defensor sen concesións da constitución de 1812.

Ás 13 horas a Praza de España, na cidade da Coruña, será o escenario para a recreación do aforcamento do homenaxeado. Foi precisamente neste lugar, onde na actualidade existe unha estatua de Porlier, onde un 3 de outubro de 1815 se executou. O acto incluirá tamén a queima do cadafalso. Entre outros contarase coa participación dos escritores Xavier Maceiras e Jacobo Ríos. Precisamente este último é unha das figuras ordenses emerxentes no panorama literario, que recentemente publicou a súa obra ‘el inmenso mar de los olvidados’ cun gran éxito. Pola súa banda Moncho do Orzán interpretará un cantar de cego especialmente composto para a ocasión. Outros integrantes do colectivo In Nave Civitas, como Xosé Iglesias ou Teresa Ramiro, tamén estarán presentes e lerán algún dos seus poemas. Posteriormente todas e todos os que queiran poderán participar dun xantar colectivo que estará amenizado pola música de Xurxo Souto e Moncho do Orzán. Ao finalizar trasladaranse ata a zona da Pastoriza para levar a cabo un pequeno recital.

O Mesón de Deus, na vila de Ordes, acollerá a partir das 21 horas unha cea temática á que poderán asistir aquelas persoas que o desexen tras reserva previa. Foi precisamente neste mesmo lugar onde fora apresado no século XIX Porlier. Por 20 € o menú inclúe cocido regado con Mencía e sobremesas típicas, ademais da posibilidade de optar a menú infantil. Todo isto á luz das velas e animado coa música de Xurxo Souto entre outros. Para realizar as reservas é necesario poñerse en contacto co establecemento a través do teléfono 981697874.

28 de setembro de 2015 | 12:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.