publicidade hoxe

O obradoiro de emprego “Monte das Flores VI” do Grove formará a 19 desempregados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+

A secretaria territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz, participou esta mañá na inauguración do obradoiro de emprego “Monte das Flores VI” do Grove, acompañado do concelleiro de Emprego, Javier Caneda. O obradoiro terá unha duración de seis meses e no mesmo a Xunta investirá case 170.000 euros, “que xunto a aportación económica do concello para material e equipamento superarán os 200.000 euros”, segundo explicou Ortiz. O obxectivo destes cursos é preparar a 19 alumnos, aos que haberá que sumar o persoal contratado para dar formación en dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil e confección e publicación de páxinas web.

A secretaria territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra mostrou a súa satisfacción por poder inaugurar esta iniciativa que ten “un obxectivo claro, dar formación a persoas desempregadas de cara a que logren reinsertarse laboralmente. Non podemos esquecer ademais”, engadiu Ana Ortiz, “que en total son 23 as persoas que grazas a estes obradoiros, obteñen un posto de traballo, uns formándose e outros formando”, en relación ao director, o titor e os dous profesores dos cursos. No proceso selectivo contaron con vantaxe as mulleres e os parados de longa duración.

De feito, as persoas desempregadas participantes como alumnado traballador percibirán o Salario Mínimo Interprofesional, 641,40 euros ao mes durante os meses que durarán estes proxectos. En dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil formaranse 11 alumnos e en confección e publicación de páxinas web outros 8.

O alumnado traballará durante os próximos seis meses tanto desenvolvendo actividades educativas de tempo libre a nenos do concello do Grove como executando servizos de confección e publicación da páxina web do Museo da Salga.

Ana Ortiz aproveitou a visita ao obradoiro de O Grove para destacar o “manifesto claro de colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para intentar que o obradoiros de emprego teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro”.

De feito, recordou que a actual Xunta de Galicia investiu neste tipo de iniciativas no Grove máis dun millón de euros nos últimos anos, tanto no obradoiro de emprego de Monte das Flores como no da Mancomunidade do Salnés que se desenvolve no centro de vacacións da Lanzada.

Pola súa banda, o concelleiro de Emprego, Javier Caneda agradeceu a visita da secretaria territorial a estas instalacións e destacou a importancia de que a Xunta “depositara a súa confianza no noso concello para por en marcha este proxecto que permite formar a desempregados do municipio durante 6 meses e finalmente, formalos para poder optar a un posto de emprego no futuro”.

Obradoiros como o do Grove desenvolveranse nos próximos meses en varios concellos da provincia de Pontevedra. “En concreto, na provincia de Pontevedra, investiranse 2,3 millóns de euros para a posta en marcha destes cursos de formación que beneficiarán a 266 alumnos en 13 obradoiros de 12 concellos e 2 mancomunidades”, finalizou Ana Ortiz.

En toda Galicia, a Consellería de Traballo e Benestar destinará un investimento de preto de 10 millóns de euros para realizar obradoiros de emprego, aos que se suman outros 5 millóns para obradoiros destinados á mocidade.

4 de agosto de 2015 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.