publicidade hoxe

Levantan as restricións ao buque en corentena tras descartarse síntomas de enfermidade entre a tripulación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAresFerrol
A-
A+
Europa Press

O buque-cisterna ‘Granato’, que permanecía até esta mañá en corentena fondeado na Ría de Ares, poderá continuar a súa actividade de carga e descarga tras descartarse síntomas ou signos clínicos de enfermidade entre as catorce persoas que compoñen a tripulación do navío.

Así o trasladou a subdelegación do Goberno na Coruña, tras recibir a información do equipo de Sanidade Exterior, dependente do Ministerio de Sanidade, que accedeu esta mañá ao interior da embarcación para realizar unha exploración médica individual a cada un dos tripulantes a bordo, seis de nacionalidade india, catro filipinos, tres italianos e un romanés.

Tras confirmar a ausencia de calquera tipo de risco para a saúde, Sanidade Exterior procedeu a expedir a libre plática, o que posibilita ao buque de mercadorías volver navegar sen ningún tipo de restrición.

Durante esta tarde, está previsto que o ‘Granato’ abandone os peiraos do porto exterior de Ferrol, onde atracou sobre as 08,00 horas, para dirixirse ás instalacións da empresa petroquímica Forestal do Atlántico, onde ten previsto realizar unha operación de carga de metanol.

Segundo aseguraron fontes da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, o buque xa conta “coa autorización para a atracada en Forestal do Atlántico, coas mesmas características que as dadas o venres pasado”.

Ademais, desde a empresa situada en Punta Promontorio, no municipio de Mugardos, trasladouse a súa disposición para “recibir o buque en calquera momento do día”. Segundo as previsións que se manexan desde o Porto de Ferrol, o practico embarcará sobre as 17,15 horas e está previsto que ás 18,00 horas quede finalizada a manobra de atracada no peirao de Forestal do Atlántico.

MEDIDAS CAUTELARES

O falecemento dun tripulante do ‘Granato’, o pasado venres, 31 de xullo, en augas próximas á Ría de Vigo por causas descoñecidas e a sospeita dunha enfermidade contaxiosa, levou á aplicación das medidas cautelares ás que foi sometido o barco.

O Xulgado de Instrución Número 5 de Vigo, en funcións de garda nese momento, é quen investiga os feitos, que foi o encargado de pór en coñecemento da autoridade competente do falecemento do cociñeiro do navío, aínda que de momento “non tomou ningunha decisión sobre o buque”.

Para coñecer as causas exactas do falecemento do tripulante enviáronse mostras ao Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses, en Madrid, para tratar de esclarecer os feitos. Os restos mortais do falecido serán traslados á India, o seu país de orixe.

3 de agosto de 2015 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.