publicidade hoxe

Teo abre o prazo para presentar as solicitudes de cacharelas para San Xoán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

Co comezo do mes de xuño ábrese no Concello de Teo o prazo para comunicar a realización das cacharelas de San Xoán. As persoas ou colectivos que teñan previsto facer unha cacharela coincidindo coa celebración do San Xoán deben entregar a solicitude no Rexistro Xeral do Concello. O prazo para presentar o impreso remata o mesmo 23 de xuño pola mañá. A solicitude xa se pode descargar da web municipal ou recoller nas oficinas municipais.

Dende o Departamento de Medio Ambiente lémbrase que os promotores destas fogueiras deben ter en conta normas de seguridade básicas entre as que destacan que o lume non debe superar os 8 metros de perímetro e os 3 de altura, a separación entre o lume e edificios ou árbores debe ser alomenos de 12 metros ou a prohibición de queimar pneumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites ou calquera sustancia que desprenda fume tóxico. 

Por outra banda hai que ter especial coidado en deixar o lume totalmente apagado antes de abandonar o lugar no que se faga a cacharela, non facela debaixo de tendido eléctrico ou telefónico así como nas proximidades de locais que teñan produtos inflamables, e no caso de facela en terreos públicos enlousados debe protexerse o pavimento cunha capa de area dun grosor suficiente para evitar o seu deterioro. 

En ocasións as solicitudes non se cinguen á noite do 23 e adiántanse ao fin de semana anterior, polo que se recomenda entregar o formulario o antes posible no Rexistro. 

1 de xuño de 2015 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.