publicidade hoxe

‘Poetas Di(n)versos’ finaliza o luns con Rati Saxena e Helena Villar Janeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Cultura, informa de que o vindeiro luns, 8 de xuño, conclúe o terceiro e último trimestre da sexta tempada de Poetas Di(n)versos. Será, como é habitual, no centro Ágora, ás 20.30 horas, co poeta nacida en Becerreá (Lugo), Helena Villar Janeiro, e a autora india Rati Saxena.

Poetas Di(n)versos conclúe este luns tras coñecerse a cancelación da viaxe a España do poeta americana Louise Glück, quen ía ser a protagonista de pechar esta tempada do ciclo poético o próximo 22 de xuño xunto a Gonzalo Hermo, un dos poetas revelación dos últimos anos en Galicia.

O encontro deste luns reunirá a dúas autoras veteranas nas súas respectivas linguas literarias: o poeta india Rati Saxena e a galega Helena Villar Janeiro, quen lerán obra propia nos seus idiomas orixinais -con tradución ao galego no caso dos versos de Rati Saxena por parte da directora de Poetas Di(n)versos, Yolanda Castaño-.

Rati Saxena naceu en Rajhastán (norte da India), aínda que actualmente reside no estado de Kerala, ao sur do país. Poeta, tradutora, editora, promotora cultural e estudiosa das Vedas (textos sacros da literatura clásica escrita en sánscrito), publicou 11 libros. Grazas aos seus traballos recibiu prestixiosos premios, como os recoñecementos do Centro Nacional das Artes Indira Gandhi e da Kendriya Sahitya Akademi. Fóra do seu país, impartiu conferencias en universidades americanas e formou parte de festivais de poesía en Italia, Noruega, Macedonia, Austria, Colombia, Irán ou China.

Pola súa banda, Helena Villar Janeiro naceu en Becerreá (Lugo). Foi profesora de Educación Primaria e Secundaria, e actualmente, retirada, vive entre Santiago e Rianxo. Foi presidenta da Fundación Rosalía de Castro e membro do Consello da Cultura Galega. Comezou na poesía formando parte do colectivo Cravo Fondo (1977). Habitual colaboradora en prensa, recibiu galardóns como o Xacobeo ou o Eusebio Lorenzo Baleirón.

Poetas Di(n)versos, único ciclo estable que presenta poetas locais e internacionais de maneira regular en toda España, conseguiu o Premio da Crítica Galicia á mellor Iniciativa Cultural. Como en ocasións anteriores, o recital do próximo luns será aberto ata completar aforamento e manterase o compromiso coas librarías da zona convidando a que ofrezan aos participantes a posibilidade de adquirir os títulos das autoras convidadas. A sesión durará, aproximadamente, unha hora.

5 de xuño de 2015 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.