publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Actívase a aplicación web das autorizacións para visitar á praia das Catedrais dende o 1 de xullo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoRibadeo
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas activou hoxe a aplicación http://ascatedrais.xunta.es, na que os visitantes que desexen achegarse á Praia das Catedrais poderán conseguir a autorización gratuíta que será necesaria para acceder a este lugar a partir do día 1 de xullo.

De acordo co Plan de Conservación deste Monumento Natural, nos meses de xullo, agosto e setembro, ademais de na Semana Santa, o acceso a este espazo protexido estará regulado cun máximo de 4.812 persoas cada xornada. O obxectivo é fin de facer compatible a preservación dos valores ambientais que motivaron a súa declaración como Monumento Natural co uso público do lugar.

Os interesados poderán conseguir desde 15 días antes en dito enderezo web o permiso necesario e gratuíto e cada persoa poderá reservar un máximo de 30 autorizacións para un mesmo día. As axencias de viaxes disporán da posibilidade de reservar autorizacións en maior número, para poder así xestionar os grupos con visitas concertadas. Así mesmo, a Xunta distribuirá unha porcentaxe de autorizacións diarias entre os concellos de Ribadeo e Barreiros, as asociacións de hostaleiros da zona e o Clúster de Turismo de Galicia, co obxectivo de facilitar a súa distribución entre os visitantes.

Nesta páxina web tamén se proporcionará información sobre as horas máis propicias para a visita, sobre as mareas, e sobre a cantidade de persoas que xa reservaron autorización para acudir ao lugar na mesma data.

Dese xeito, preténdese favorecer un turismo ordenado e sustentable ao Monumento Natural da Praia das Catedrais, un espazo ameazado nos últimos anos pola concentración excesiva de visitantes en determinadas épocas do ano. 

Esta medida ponse en  marcha co dobre oxbectivo de facer fronte ao risco de degradación dos valores ambientais e paisaxísticos do enclave, así como á saturación dos servizos e dos accesos á praia, e, ao mesmo tempo,  promover as potencialidades turísicas do espazo. 

Con ese mesmo obxectivo de ordenar o uso público, a partir do 1 de xullo tres guías estarán na zona para axudar a todos os visitantes a aproveitar mellor esta experiencia ao tempo que se lles axudará a coñecer outros lugares 

Paralelamente, a Xunta está a desenvolver unha campaña informativa sobre este Plan, dirixida tanto aos colectivos e asociacións profesionais como á sociedade en xeral.  

Primeiro plan de conservación

Cómpre lembrar que no Plan de conservación do monumento natural da praia das Catedrais, un documento que prevé un investimento de máis de 1,5 millóns de euros, recóllese a necesidade de regular o acceso nas épocas de maior confluencia de visitantes. 

Este documento -presentado pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, no día de onte- é froito do diálogo e da participación de diferentes administracións, colectivos e organizacións e que incorporou en gran medida as alegacións e informes solicitados nos dous procesos de participación pública a que foi sometido. 

O plan nace da preocupación polo perigo de degradación deste espazo protexido, situado no concello de Ribadeo e de gran atractivo turístico. Esta preocupación foi trasladada á Xunta de Galicia tanto pola Administración local como pola Deputación de Lugo, que reclamaron a intervención da Administración autonómica para “ordear os usos” o espazo protexido. Compartindo esa preocupación, o Goberno galego asumiu o compromiso de poñer en marcha un Plan que sería de aplicación este mesmo verán, tal e como está a facer. 

O documento é un instrumento de planificación que, a partir dun diagnóstico científico sobre as principais ameazas que afronta o espazo protexido, establece un réxime de usos e aproveitamentos.

Esa avaliación de riscos permitiu constatar que a excesiva concentración de visitantes durante determinadas épocas do ano representa un risco severo para a conservación dos hábitats prioritarios do monumento natural da praia das Catedrais, e as probas de carga realizadas cifran en 4.812 persoas e día o límite recomendable para evitar danos.

O plan conta co aval do Consello Galego de Medio Ambiente e o documento final ten en conta as achegas do Concello de Ribadeo e a asociación de comerciantes maioritaria dese concello, Acisa, para establecer un sistema activo e presencial de regularización dos accesos ao areal, dotado con persoal de control e información, tal e como está previsto. 

Medidas en marcha

Cómpre sinalar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, xa tomou distintas medidas encamiñadas á protección do espazo natural das praia das Catedrais, tal e como se recolle no Plan de conservación. Co fin de preservar os valores desta zona protexida, a Xunta contratou guías durante o verano do 2014 e o período da Semana Santa 2015. Neste ano, contratarase de novo este servizo, que será reforzado. 

Con isto, tratarase de facilitar un desfrute axeitado aos visitantes, reforzando a información a través dos guías especializados no propio enclave e nas alternativas turísticas da contorna, e incrementarase tamén a vixilancia para evitar actuacións que degraden o medio.

Desde mediados de 2014 as diferentes accións para mellorar o uso público, mellora da información aos visitantes e o reforzo da sinalización levan suposto un investimento de 158.000 euros.

16 de xuño de 2015 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.