publicidade hoxe

A Xustiza dá a razón á Deputación de Lugo ao desestimar o recurso de Paradela pola estrada de San Facundo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoParadela
A-
A+

A Xustiza vén de dar a razón á Deputación de Lugo ao desestimar o recurso contencioso-administrativo presentado polo Concello de Paradela, que prentendía que o organismo provincial asumise a titularidade da estrada de acceso a San Facundo e o indemnizara polos supostos danos sufridos nun camiño municipal.

O pasado ano, o organismo provincial víase na obriga de acondicionar esta estrada, que comunica Loio co Mosteiro de San Facundo de Ribas de Miño, para retirar o material procedente dun derrubamento, logo de agardar seis meses sen que o Concello solucionase o problema. Este desprendemento afectaba directamente a uns 70 veciños de Cabo de Vila e Adega das Penas, que tiñan que dar un rodeo duns 5 quilómetros para os seus desprazamentos habituais. Ante a inactividade do Concello e para evitar maiores prexuízos aos veciños, a Deputación fíxose cargo destes traballos con medios propios.

Agora, o Xulgado nº2 do Contencioso-administrativo de Lugo desestima na súa totalidade as pretensións do Concello, e rexeita que o organismo provincial teña que indemnizalo en modo algún polos supostos danos nesta corredoira municipal, á que a propia sentenza non outorga categoría de estrada, e pola que non é posible a circulación de vehículos.

Deste xeito, a resolución xudicial confirma que a estrada construída pola Deputación de Lugo para permitir os desprazamentos dos veciños constitúe unha mellora evidente na calidade de vida dos veciños de Paradela. Ao mesmo tempo, a sentenza é crítica coa postura mantida polo Concello, ao non asumir este a titularidade da estrada nova, non manter en condicións de uso a corredoira municipal e pedir unha indemnización ao organismo provincial ao carecer totalmente de fundamento. O Xulgado tamén condena ao Consistorio a abonar as custas xudiciais.

3 de xuño de 2015 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.