publicidade hoxe

A Xunta destinou 140.000 euros para o funcionamento do CIM de Soutomaior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+
Susana López Abella na visita ao CIM

Susana López Abella na visita ao CIM

A secretaría xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou esta mañá acompañada polo alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, o Centro de Información á Muller de Soutomaior. A secretaria xeral, manifestou o apoio do Goberno galego a estes centros, que ano tras ano reciben unha parte moi importante da orde de axudas e subvencións a entidades locais para a promoción da igualdade.

O CIM de Soutomaior recibiu nos últimos anos achegas por parte da Xunta de máis de 140.000 euros. Conta cunha asesora xurídica e a directora de Centro que tamén é a asesora psicolóxica do mesmo, ademais ten servizo de teletradución. O ano pasado atenderon no Centro a 120 persoas e recibiron un total de 450 consultas.

As axudas dos CIMs teñen por obxecto colaborar coas entidades locais no funcionamento destes centros, coa finalidade de garantir a prestación dun servizo de información ás mulleres e promoción da igualdade, que lles proporcione asesoramento xurídico e psicolóxico; información sobre recursos específicos para mulleres, así como o desenvolvemento de calquera outra actividade que teña como obxectivo prioritario a promoción da igualdade entre mulleres e homes.

Ademais, o Concello de Soutomaior está adherido á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, unha rede encargada de promover e apoiar proxectos de prevención da violencia de xénero e detención precoz de situacións de risco, mobilizando e implicando a toda a sociedade fronte o maltrato e xeneralizando a tolerancia cero contra as persoas agresoras.

25 de xuño de 2015 | 13:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.