publicidade hoxe

A Escola de Música Magariños pecha a temporada cun concerto gratuíto do grupo pop-rock ESMUZZ

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

A Escola Municipal de Música Magariños de Brión pechará mañá sábado 13 de xuño, ás 21:30 horas, o curso 2014-2015 ofrecendo un concerto gratuíto a todos os veciños e veciñas de Brión no salón de actos do Centro Social Polivalente. Un concerto que correrá a cargo do grupo ESMUZZ, unha formación pop-rock integrada por alumnos e alumnas da ESMU Magariños e guiada polo profesor de guitarra clásica Damián Cairo Touriño.

Esta será a segunda ocasión na que ESMUZZ actúe ante a veciñanza brionesa, logo do éxito acadado no concerto ofrecido no primeiro trimestre de 2015. Este sábado, a banda brionesa aproveitará para presentar un novo repertorio. A entrada é libre e de balde ata completar aforo. Un concerto organizado pola Escola de Música Magariños e que conta coa colaboración do Concello de Brión, a Deputación da Coruña e a Consellería de Educación. 

Matrícula

Por outra banda, o próximo luns 15 de xuño abrirase o prazo de matrícula na ESMU Magariños, que se pechará o 24 de xullo. Os prezos oscilan entre os 35,5 euros do primeiro curso do Plan Educativo Xeral ata os 127,8 euros dos tres niveis do Plan Educativo para Adultos. Haberá bonificación do 50, 75 e ata 100% no caso de familias numerosas, así como bonificación do 50% para membros da Banda de Música Municipal ou do 90% segundo a especialidade instrumental. 

A Escola Municipal de Música Magariños comezará o curso académico 2015-2016 o vindeiro 14 de setembro.As matrículas poden formalizarse na sé da ESMU na avenida de Santa Minia ou no teléfono 981 50 99 03. 

12 de xuño de 2015 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.