publicidade hoxe

O home que acoitelou á súa muller no hospital de Ourense non tiña orde de afastamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSucesosVerín
A-
A+
Europa Press

O home que este venres supostamente acoitelou á súa muller no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), tras o que faleceu, non tiña orde de afastamento a pesar dos indicios de suposta violencia de xénero que tiñan os investigadores tras o suposto asalto denunciado o día 3 de abril na súa vivenda en Pazos, no municipio ourensán de Verín.

Segundo informaron fontes da Policía Nacional, sobre as 7,00 horas deste venres recibiron na Comisaría de Ourense o aviso do CHUO dunha agresión a unha muller ingresada con arma branca supostamente cometida polo seu marido, quen se autoagrediu, posteriormente, cortándose as veas.

Ao lugar acudiron axentes de Seguridade Cidadá da Policía Nacional; así como do Servizo de Atención á Familia deste corpo que se encarga de violencia de xénero; e da Policía Científica, para inspeccionar o lugar, ademais da comisión xudicial formada por xuíz e forense.

A Policía Nacional e a Garda Civil non tiñan constancia de denuncias previas por malos tratos nesta parella residente en Verín a pesar de que, por mor da tentativa de roubo con violencia supostamente ocorrida na noite do 2 de abril e denunciada o día 3, os investigadores tiñan indicios de violencia de xénero pero sen probas concretas.

Foi o propio marido, de 76 anos, o que o día 3 denunciou que a noite anterior entraran varias persoas tras forzar a porta e agrediron á súa muller cando estaba a ver a televisión mentres se atopaba na cama e non se decatou do sucedido.

A muller, de 66 anos de idade, foi evacuada en primeira instancia ao Hospital de Verín e despois ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, onde estivo vixiada no servizo de reanimación ata que foi trasladada a planta, onde foi acoitelada este venres polo seu marido.

NON HOUBO PETICIÓN DE ORDE

O Xulgado de Instrución Número 1 de Verín, ao que se remitiron as dilixencias pola tentativa de roubo con violencia investigada a principios de abril, non recibiu petición formal para emitir unha orde de afastamento por parte das forzas de seguridade que asumiron a investigación, a pesar de que estas tiñan indicios, pero non probas, segundo puntualizaron, de suposta violencia de xénero.

O xulgado aclarou que “en ningún momento”, segundo informaron fontes xudiciais, se solicitou que se restrinxisen as visitas da parella da ingresada cando se atopaba na UCI do CHUO e que, ao ser levada a planta por criterio médico, a xuíza dixo á Garda Civil que “si consideraba que tiña que vixiala” en planta “extremase as precaucións” que considerase convenientes.

As mesmas fontes xudiciais puntualizaron que, segundo a lei, non se pode restrinxir a liberdade básica dunha persoa se non hai indicios claros cara a esa persoa ou se a vítima non está en situación de claro perigo e por unha sospeita, sen probas que sustenten a adopción desa medida de protección, non se pode ditar orde de afastamento.

A investigación do crime rexistrado no CHUO foi asumida pola Policía Nacional que está á espera de que o presunto agresor, que foi intervido cirurxicamente tras autolesionarse, se recupere para poder tomarlle declaración.

O Xulgado de Instrución Número 3 de Ourense asumiu as dilixencias deste suposto crime de violencia de xénero e decretou o segredo das actuacións.

8 de maio de 2015 | 11:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.