publicidade hoxe

O coñecido físico Jorge Mira apadriña a nova promoción de alumnos do CPI Progreso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoira
A-
A+

A piques de rematar o curso académico, a nova promoción de alumnos/as do CPI Progreso que seguen os decálogos do Bo Estudante e Bo Deportista, congratúlase de ter un padriño tan popular e prestixioso como Jorge Mira, que asistirá ó acto de entrega de diplomas.

Jorge Mira é catedrático da área de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, recibiu numerosos recoñecementos póla súa actividade investigadora e divulgativa. Por outra banda, presenta diversos estudos de dinámica de competición de linguas e escribe artigos en publicacións científicas como Physics Today, Time ou New Yorker. Deixando a un lado tódolos premios e recoñecementos no eido da divulgación científica e actividade investigadora, o que fora responsable das correccións e suxestións matemáticas no programa Cifras e Letras, tamén cultiva outras moitas facetas da vida coma o deporte. Membro da asociación Mensa, comezou por practicar taekwondo e continuou engadindo a natación, o baile de salón, o xadrez, a esgrima ou o atletismo.

O Concello de Catoira, a través do Plan Municipal de Prevención das Drogodependencias, implantou hai tres anos no centro educativo un innovador programa baseado en dous decálogos: “Decálogo do bo estudante” e “Decálogo do bo deportista“. Baseándose nas dez máximas que recolle cada decálogo, os propios compañeiros elixirán ó final do curso o “bo deportista” e “bo estudante” dentro da súa aula. O 19 de xuño celebrarase no Auditorio Municipal un acto no que os alumnos/as elixidos recibirán un título honorífico e un lote de material deportivo e escolar, respectivamente.

21 de maio de 2015 | 12:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.