publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Neda reivindica que se avance na investigación no Día Internacional da Fibromialxia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+
Lectura do manifesto

Lectura do manifesto

O alcalde, Ignacio Cabezón, deu lectura esta mañá ao manifesto elaborado polos afectados e afectadas de fibromialxia e síndrome de fatiga crónica para conmemorar o Día Internacional desta doenza. E é que Affinor -Asociación de Fibromialxia e Fatiga Crónica do Noroeste- elixiu a real vila de Neda como escenario do seu acto central na comarca. Precisamente neste concello, e máis concretamente na Casa das Palmeiras, a entidade que preside Montserrat Porto Deibe está a informar da doenza e tamén do traballo de apoio ao enfermo que leva a cabo Affinor. Unha labor de divulgación que comezou pola mañá e continuará pola tarde, ata as 19 horas. Así mesmo, a asociación está a recabar firmas a favor da iniciativa lexislativa popular para a protección dos enfermos de fibromialxia e fatiga crónica.

No seu manifesto, os enfermos de fibromialxia e síndrome de fatiga crónica reivindican, para mellorar a súa calidade de vida e a das súas familias, o recoñecemento da enfermidade por parte dos profesionais, institucións, axentes sociais e sociedade en xeral; a investigación para lograr un mellor diagnóstico, tratamentos e detección precoz; a mellora da atención sanitaria e o establecemento de protocolos unificados que garantan a igualdade na calidade e a accesibilidade aos recursos e servizos do Sistema Público de Saúde; o acceso ao traballo, sexa mediante a adaptación dos postos de traballo, sexa mediante novas fórmulas de inserción laboral, e as xustas prestacións sociais cando a gravidade da enfermidade non permita traballar.

Affinor é unha entidade sen ánimo de lucro que xurde en 2007 en Ferrolterra como unha iniciativa por parte dun grupo de familias, colaboradores e afectados destas doenzas. A día de hoxe ten máis dun centenar de socios e levan a cabo actividades de apoio emocional ao doente e aos seus familiares; terapias psicolóxicas; terapia cráneo-sacral; nordic walking e cursos de memoria, autoestima… Teñen tamén a disposición das persoas interesadas biblioteca con documentación, libros, reseñas en páxinas web, tratamentos, investigación…

12 de maio de 2015 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.