publicidade hoxe

Desestimado o recurso da confederación hidrográfica confirmando a paralización das obras da Ponte Ribeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoSarria
A-
A+

A Sección 2ª da Audiencia Provincial de Lugo acaba de ditar o auto de 7 de maio de 2015 polo que desestima o recurso de apelación que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil interpuxo contra o auto do Xulgado de Instrución de Sarria que decretara a medida cautelar de paralización das obras que afectan á Ponte Ribeira, no marco do Proxecto de Canalización do río Sarria. A Audiencia acepta a fundamentación do auto do Xulgado de Sarria e constata ademais que “a lo largo de los trabajos han existido afectaciones claras, en algún caso “críticas”, de los elementos que constituyen el objeto de protección”.

No seo deste procedemento penal iniciado por denuncia da Plataforma Sarriana polo Río, o Xulgado de Sarria acordara mediante auto do pasado 17 de outubro de 2014 a paralización das obras na Ponte Ribeira; a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil interpuxo recurso de reforma contra este auto, pero o xulgado desestimou o recurso por outro auto de 19 de novembro de 2014; novamente recorreu a Confederación mediante recurso de apelación perante a Audiencia, que agora desestima tamén este recurso e confirma a paralización. Contra o auto agora ditado pola Audiencia non cabe ningún recurso. Hai que advertir que o Ministerio Fiscal tamén se opuxo aos recursos interpostos pola Confederación Hidrográfica e solicitou a confirmación da paralización das obras acordada polo Xulgado. O auto do Xulgado de 17 de outubro de 2014 –agora confirmado pola Audiencia Provincial- xa apreciou “indicios de criminalidad” nas actuacións que se levan a cabo na Ponte Ribeira, por onde o Camiño de Santiago salva o río Sarria ao seu paso pola vila.

Fronte a isto, la Plataforma Sarriana polo Río expresa a súa satisfacción por este novo respaldo xudicial ás súas reivindicacións contra o Proxecto de Canalización e destaca o feito de que só a Xustiza parece disposta a protexer o patrimonio histórico-artístico da Ponte Ribeira e do Camino de Santiago, mentres a Xunta de Galicia e o Concello de Sarria se manteñen instalados na pasividade e abandonan as funcións que teñen legalmente encomendadas. A este respecto, a Plataforma subliña o feito inconcibible de que a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia siga empeñada en permitir unhas obras que, segundo xa tres resolucións xudiciais, presentan “indicios de criminalidad”; a única explicación para semellante proceder é a actuación puramente partidista de Patrimonio, obcecada en facer todo o que sexa necesario para protexer aos seus compañeiros de partido da Confederación e do Concello.

Por último, diante desta nova confirmación xudicial da paralización das obras da Ponte Ribeira e diante dos graves trastornos que as obras da canalización están provocando aos veciños e negocios de Sarria, a Plataforma Sarriana polo Río quere amosar unha vez máis a súa plena disposición ao diálogo para tentar desbloquear esta situación e acadar unha solución consensuada. Con respecto a isto, recorda que a Plataforma se apresurou a aceptar dende o primeiro momento a oferta de mediación que hai varios meses formulou o Consello da Cultura Galega no seu crítico informe sobre o Plan de Canalización, oferta de mediación que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil nin sequera se dignou a contestar.

11 de maio de 2015 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.