publicidade hoxe

Unhas 80 persoas participan no Roteiro pola protección do Monte Pituco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+
Participantes no roteiro

Participantes no roteiro

Unhas 80 persoas participaron no “Roteiro pola protección do Monte Pituco (Pornedo)”, organizado pola Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, co apoio da Asociación Monte Pituco. Procedentes de Marín, Pontevedra, Moaña, Vigo e doutras localidades próximas, os participantes nesta andaina saíron da arboreda do Monte Pituco e, ao longo de algo máis de cinco quilómetros, percorreron unha parte importante da área afectada polo polígono industrial proxectado polo Concello de Marín no seu PXOM e pola Xunta de Galicia no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais, cunha extensión de 332.000 metros cadrados.

O obxectivo desta ruta era rexeitar a urbanización desta zona, incluida no Espazo Natural dos Montes do Morrazo, que son solo rústico de especial protección, no marco das Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra.

Ademais, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e a Asociación Monte Pituco trazaron un percorrido que serviu para amosarlle á veciñanza o forte desnivel do terreo, con pendentes superiores ao 45%, cando a “Guía de recomendacións técnicas para o proxecto integral de parques empresariais de Galicia” elaborada polo Instituto Galego de Vivenda e Solo establece que “os parques de tipo industrial non se poden localizar razoablemente sobre as zonas moi abruptas, entendendo por estas as que superen o 15% de pendente”.

Ao longo do itinerario visitáronse zonas de piñeiral, o nacemento dos regatos das Presas e da Grela nos que habita fauna e flora sensible, o outeiro de Cerqueiras, o monte da Serra, a fonte das Pulgas e varios mananciais naturais que tamén están afectados polo proxecto do polígono, así como a mámoa e os petroglifos de Sete Camiños, e o conxunto rupestre do Pornedo, sen esquecer como curiosidade os gravados modernos de José Meijón (1899-1980).

12 de abril de 2015 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.