publicidade hoxe

O goberno de Teo agarda que mobilidade estableza con celeridade o sistema de contratación da liña interior municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O concelleiro de Transportes, Anxo Rey, mantiña un encontro esta mañá coa Dirección Xeral de Mobilidade polas reclamacións do cumprimento dos horarios no corredor Pontevea-Santiago plantexadas pola plataforma Teo Bus. Nesta xuntanza tamén se falou da posta en funcionamento da liña interior municipal STEO 4 impulsada polo Concello de Teo. Trátase dunha liña circular de autobús que pretende achegar ás persoas a puntos centrais de Teo como o propio Concello, instalacións deportivas, centro de saúde, e ás vías polas que circulan con maior frecuencia os autobuses que conectan con Santiago a AC 841 e a N 550.

Neste momento a Xunta de Galicia “estuda o xeito de contratación desta liña interior municipal e agardamos que este proceso administrativo non sirva como unha nova excusa para demorar a posta en funcionamento do servizo” explica Anxo Rey. O edil explica que “Teo apostou dende o primeiro momento por deseñar uns itinerarios interiores financiados exclusivamente con fondos municipais e que ademais contan co apoio da corporación e compromiso económico para os vindeiros cinco anos” destaca o edil.

“A Xunta é a que ten as competencias para a contratación e a posta en marcha dun servizo vital para o Concello” destaca o concelleiro. Nos últimos días ademais as empresas operadoras de autobús con dereitos de concesión nas zonas de influencia da liña interior municipal, Hedegasa, Donado Campos e Castromil, comunicáronlle á Xunta de Galicia a súa conformidade con este novo servizo. Á vista desta situación “só falta que Mobilidade non demore os prazos novamente amparándose en cuestións administrativas para que a liña sexa unha realidade” explica Anxo Rey.

O pleno da corporación teense aprobou en xullo do ano pasado o compromiso económico para financiar esta liña ata o 2019, a STEO 4 que ten 29 paradas. Trátase do circular Cacheiras-Cacheiras e pasaría por A Pedra, Tarrío, Seoane, Vilanova, IES Cacheiras, Vilar, Pedrouso, Guldrís, Mazas, Centro saúde Calo, As Galanas, Balcaide, Ameneiro, A Casalonga, Cornide, A Igrexa de Luou, Paraxó, A Ramallosa, Os Verxeis, Castres e Feros.

7 de abril de 2015 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.