publicidade hoxe

Día de acción global contra os tratados de libre comercio e investimentos en Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A campaña Non ao TTIP, da que forma parte ECOAR))), e na que se integran ademaisADEGA, A Cova dos Ratos, ACOUGA, ANOVA Vigo-Mos, Asemblea de Movementos Sociais de Vigo, BNG, CIG, ContraMINAcción, Coordinadora Nacional Galega da Marcha Mundial das Mulleres, Democracia Real Xa-Vigo, DesPensa, Entremos na Panificadora, EQUO Galiza, Esquerda Unida, Horta Comunal de Donas, Moeda Social Val Miñor, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, Podemos Vigo, RSP-Vigo, TANKOllectif e Verdegaia,convoca a toda a cidadanía e organizacións a mobilizarse o vindeiro 18 de Abril. Baixo o lema As persoas e o Planeta antes que o Capital!, Vigo sumarase aos millóns de voces que sairán ás rúas en decenas de países de catro continentes no Día de Acción Global Contra os Tratados de Libre Comercio e Investimentos.

A mobilización do vindeiro 18 de abril pecha unha serie de actividades de visibilización e información levadas a cabo ao longo das últimas semanas por diversos colectivos. En Galicia, ECOAR))) ven de organizar as xornadas Recuperar soberanía, desarmar o TTIP, dedicadas á análise e difusión das nefastas consecuencias que os tratados de libre comercio (TTIP, TISA, CETA) teñen sobre as persoas e a biodiversidade, e que contou coa participación de grandes nomes como Susan George, Arcadi Oliveres, Florent Marcellesi ou Albano Dante Fachín.

Todas estas accións e mobilizacións son a resposta unitaria e coordinada dunha cidadanía que sente que ten problemas e solucións semellantes perante unha situación actual insostible. Os Tratados de Libre Comercio e Inversións, impulsados pola empresas transnacionais e os gobernos  de costas á cidadanía, vulneran os dereitos das persoas e o medio ambiente. Todas as persoas e organizacións están chamadas a participar na xornada para organizar accións descentralizadas en cada recuncho do planeta baseadas na diversidade táctica das mesmas.

En Vigo a saída efectuarase ás 20:00 dende a Farola de Urzáiz, descenderá por esta, pasará por Policarpo Sanz e rematará na Porta do Sol coa lectura dun manifesto. Para chamar á mobilización, ECOAR))) lanza hoxe mesmo un vídeo de difusión que pretende incidir nunha mensaxe clara: As persoas e o planeta antes que o capital. O vídeo está dispoñible en https://www.youtube.com/watch?v=dD0G6mXzWR4.

16 de abril de 2015 | 18:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.