publicidade hoxe

Teo reivindica o traballo das labregas na celebración do Día da Muller

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Departamento de Igualdade, dirixido por Ignacio Iglesias, organiza os actos do Día das mulleres reivindicando o traballo da muller labrega. Nos últimos anos en Teo realízanse mesas redondas sobre o traballo feminino hai décadas e despois de falar con costureiras ou leiteiras este ano serán as mulleres que traballaron no campo as que conten a súa vivencia persoal. Trátase de pór en valor o traballo feminino que dende sempre serviu de sustento en moitos fogares e resulta un elemento claramente emancipador para a muller.

O xoves 5 de marzo ás 19:30 horas na Casa do Concello realizarase o acto institucional con motivo do Día da muller que se celebra o 8. Comezarase coa lectura do manifesto institucional do Concello que farán representantes de entidades de Benestar de Teo. A continuación terá lugar a mesa redonda na que un grupo de mulleres labregas de Teo darán a súa testemuña.

Nesta xornada tamén se fará entrega dos premios do certame realizado nos colexios de Teo “Avoa cóntamo outra vez”. Neste concurso os/as escolares tiñan que facer unha recollida de información entre os/as maiores do seu entorno para facer unha conto. Este xoves no Concello farase entrega dun pequeno agasallo aos máis destacados. O acto pecharase coa actuación musical de “Tres pesos” con Felisa Segade, X. A. Ferreira e Estevo Lamas.

Excursión

Dende Igualdade tamén teñen programada unha excursión á Ribeira Sacra e Castro Caldelas para o domingo 15 de marzo na que xa se poden anotar as mulleres de Teo. Para facelo só hai que chamar ao Centro de Información á Muller (CIM) ao 981 809 707 e indicar o nome e o teléfono. Na excursión está previsto facer unha ruta en catamarán cun custo de 7 euros e de 4 euros para menores de 12 anos e maiores de 65. A comida será en Castro Caldelas e visitarase a bodega Ponte da Boga.

2 de marzo de 2015 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.